A Praza de Galicia acolle a primeira venta física dos bonos 'Son da Casa!'

Praza de Galicia en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Disporase de 250 packs para aquelas persoas que non se manexen coas novas tecnoloxías ou carezan de medios para adquirilos a través da web

A nova campaña dos bonos 'Son da Casa!' arranca este venres, ás 19.00 horas, coincidindo co prendido do alumeado de Nadal. A partir dese momento, os bonos comercio subvencionados polo Concello poderán adquirirse a través da web sondacasavilagarcia.gal, seguindo as normas habituais. Malia iso, e tamén como se fixo en anteriores edicións, a Concellería de Promoción Económica habilita un punto de venta física para facilitar a compra ás persoas que non se manexen coas novas tecnoloxías ou carezan dos medios para facelo. A carpa instalarase este sábado, 2 de decembro, na Praza de Galicia a partir das 11.00 horas.

Nesta primeira venta física poranse á venta 250 lotes de bonos, estando prevista que a carpa regrese o sábado 16 cun stock similar. O procedemento será similar ao das campañas anteriores: os compradores deben ser persoas maiores de idade e deberán presentar o seu DNI. Igual que no sistema online, só se poderá adquirir un máximo de dous packs de bonos por persoa.

Os lotes custan 20 euros e permiten facer compras por importe de 30 grazas aos 10 euros que aporta o Concello. Os bonos poderanse gastar nos case 300 establecementos comerciais, de hostalaría e pequenos negocios de Vilagarcía que están adheridos á campaña. A oferta é moi ampla, xa que participan dende tendas de alimentación, calzado, téxtil, complementos e perfumerías; ata ferraxerías, tendas de música, perruquerías, carpinterías e paxarerías; pasando por clínicas de fisioterapia ou tendas de informática, bares e restaurantes). Todos eles identificaranse colocando no escaparate o distintivo da campaña de Nadal 23. A lista completa dos establecementos participantes tamén se pode consultar na web 'Son da Casa!'.

Na que xa é a sexta edición da campaña de bonos 'Son da Casa!', o Concello volve a poñer á venta 3.750 packs de bonos co obxectivo de incentivar o consumo no comercio e hostalería local e dinamizar a economía da cidade tras os efectos negativos causados a consecuencia da pandemia e da crise económica, e para axudar aos cidadáns a afrontar un pouco mellor o efecto da inflación nas compras de Nadal.