A Praza de Abastos de Vilagarcía mellorará as instalacións e os procesos de venta

Xunta e Concello financiarán con 73.000 euros as actuacións para consolidar o selo de Mercado Excelente de Galicia
Vilagarcía Praza de Abastos
photo_camera Ambiente na Praza de Abastos de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía continúa aboando o selo de Mercado Excelente que vén de recibir pola calidade dos produtos e dos servizos da Praza de Abastos Municipal. Para manter este recoñecemento, nos vindeiros meses levaranse a cabo varios investimentos tendentes a manter e conservar as instalacións en perfecto estado e a seguir avanzando na modernización e mellora dos sistemas de venta, tanto de cara aos vendedores, como á clientela. A realización destas melloras supoñen un investimento de 73.230 euros que se financiarán nun 80% con cargo a unha axuda autonómica para o impulso da rede de mercados excelentes de Galicia. O resto do presuposto corre a cargo do Concello.

As actuacións que desenvolverá a Concellería de Mercados a través desta nova iniciativa estrutúranse en dúas liñas de traballo. A primeira, a de conservación, mantemento reposición e mellora das instalacións e dos equipamentos, inclúe a execución de pequenas obras como o pintado das fachadas do edificio da Praza, a instalación en cada posto de venta de viseiras individuais para a diferenciación e identificación, o arranxo de vidros, a revisión dos canlóns de desaugue e os repaso aos falsos teitos dos aseos. Estas medidas levaranse a cabo nos últimos meses do ano en curso.

A segunda liña de actuación refírese á mellora competitiva e dos procesos de venta e, na súa maior parte, desenvolverase nos primeiros meses de 2024. Neste apartado inclúense accións formativas e de asesoramento destinadas aos praceiros e que versarán sobre marketing visual e colocación de produtos. Para mellorar a prestación de servizos á clientela adquiriranse etiquetas de marcado de prezos e sistemas de servizo automático de quenda, e adquirirase mobiliarios para habilitar no espazo gastronómico do primeiro andar da Praza unha zona de lecer e lectura. Por último, crearase material de empaquetado sostible propio do mercado e equipamento persoal para os vendedores (tipo mandilóns e luvas) coa imaxe común e corporativa do mercado.