A Praza de Abastos promocionaranse cunha campaña en liña financiada cos Next Generation

A iniciativa a desenvolver durante todo o ano 2023 contratouse por 12.450 euros á firma Proimaxe ▶ A promoción dixital busca achegar o servizo a novos públicos e captar clientela entre os sectores de menor idade

Praza de Abastos de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Praza de Abastos de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Entre os obxectivos fixados pola Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía para o ano 2023 están continuar coas políticas de dinamización e potenciación da Praza de Abastos. A primeira actuación que se vai a poñer en marcha neste sentido será unha campaña de comunicación online a desenvolver durante todo o ano co obxectivo de achegar os servizos e produtos da praza a novos públicos e captar nova clientela entre os sectores da poboación de menor idade, que son os que frecuentan menos os mercados públicos. A execución desta iniciativa contratouse por importe de 12.450 euros (sen IVA) á empresa Proimaxe.

A campaña de comunicación en liña para a Praza de Abastos enmárcase no programa "Vilagarcía Viva", deseñado pola concellería que dirixe Alba Briones para dinamizar o comercio de proximidade e que obtivo financiamento europeo a través dos fondos Next Generation. Esta medida en concreto corresponde á liña relativa á transformación dixital, de aí que a campaña se centre na promoción online. Esta consistirá no deseño e difusión a través dos novos medios dunha serie de contidos para presentar e dar a coñecer á cidadanía aos praceiros do mercado público, a informar da ampla oferta que existe na Praza de Abastos, dos produtos de tempada, das propiedades nutricionais dos mesmos ou a propoñer receitas ou ideas que realizar co xénero que ofrece o mercado, por poñer uns exemplos. A campaña secuenciarase en catro etapas a desenvolver ata finais de 2023 e contará cun boletín físico a modo de apoio ou complemento da difusión online.

Placas solares e cargadores para vehículos eléctricos

Esta non é a única medida na que a Concellería de Promoción Económica está traballando para mellorar a Praza de Abastos a través do "Vilagarcía Viva". O departamento que dirixe Alba Briones vén de recibir o proxecto técnico para dotar ao mercado municipal da instalación fotovoltaica que permita ao edificio ser autosuficiente en materia enerxética, de xeito que aproveitando a luz solar se poida xerar a enerxía eléctrica necesaria para o autoconsumo nas instalacións. Nesta mesma actuación se inclúe a instalación de dous estacións de carga para vehículos eléctricos.

O proxecto está presupostado en 11.152 euros que tamén se financiará cos fondos Next Generation, neste caso a través da liña relativa á eficiencia enerxética que a UE promove para reducir as emisións de CO2. O documento deberá ser revisado polos técnicos municipais para posteriormente sacarse a licitación.

O programa "Vilagarcía Viva" conta cunha subvención de 537.023 dos Next Generation e ten como obxectivo revitalizar o comercio de proximidade promovendo a súa modernización, de xeito que saia fortalecido e sexa máis competitivo e eficiente de cara ás necesidades do consumidor actual, á vez que se axuste aos requisitos medio ambientais e enerxéticos que se defenden dende Europa. A Praza de Abastos é só unha das áreas que abraca o programa, que tamé ;n incluirá medidas destinadas ao comercio local e ás zonas urbanas comerciais da cidade.