A Policía Local interpón vinte denuncias na fin de semana no eido da hostelería

Un individuo que accedía ao Mc Auto foi posto a disposición xudicial tras multiplicar por catro a taxa máxima de alcohol ▶ Outra persoa, tamén ebria, foi identificada tras provocar danos nun coche a base de patadas

O Concello de Vilagarcía deu luz verde á actuación este luns. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Fachada Concello Vilagarcia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Policía Local de Vilagarcía formalizou esta fin de semana unha vintena de denuncias a distintos establecementos hostaleiros fundamentalmente polo incumprimento do horario de terrazas (6 denuncias o venres e 11 o sábado). Igualmente, foron propostos para sanción outro local que incumpriu o horario de peche do establecemento e dous máis por ter posta música cando a súa licencia non o permite. A maior parte das denuncias se rexistraron na zona do Castro, aínda que houbo outras en Méndez Núñez e A Mariña.

Por outra banda, este sábado os axentes da Policía Local tiveron que acudir á zona da Rosaleda, en Sobradelo, onde un individuo de nacionalidade brasileira e residencia habitual en Portugal, que dixo estar pasando uns días de vacacións en Vilagarcía, foi sorprendido causando importantes danos nun vehículo Peugeot a base de patadas en todo o seu perímetro, ademais de ter arrancado varias molduras. O denunciado, en evidente estado de embriagadez, segundo consta no atestado, foi conducido ás dependencias de Policía Nacional, onde continuaron as dilixencias.

Ademais, pouco despois das 7 da mañá do domingo a Policía Local detivo a un individuo, este veciño de Vilagarcía, que se atopaba no acceso ao Mc Auto, na zona de ocio do porto deportivo. Á vista do seu estado, lle foi practicada a proba de alcoholemia, dando 1,09 no primeiro test e 1,11 no segundo, en calquera caso catro veces o legalmente permitido. Por iso, o condutor foi denunciado e agora será xulgado mediante xuízo rápido por un presunto delito contra a seguridade vial.