A Policía advirte da retirada de vehículos aparcados e peches de tráfico pola Cabalgata

Varias rúas da vila permanecerán pechada para o desfile. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A grúa comezará a operar ás 15 horas pola avenida da Mariña e os cortes de rúas iniciaranse tamén por esa zona a parir das 17 horas ▶ Recoméndase que se garden os vehículos nas rúas afectadas ou se retiren con antelación

A celebración da Cabalgata de Reis implicará a eliminación dos estacionamentos e o peche da circulación rodada nas rúas polas que discorrerá o desfile maña, 5 de xaneiro, pola tarde. A policía Local informa das medidas que se adoptarán neste sentido, as zonas afectadas polas mesmas e os horarios nos que comezarán a aplicarse, ademais de ofrecer varias recomendacións para minorar os seus efectos e as molestias que puideran provocar.

Como norma xeral, o xoves pola tarde suprimiranse todos os estacionamentos polas rúas polas que discorre o desfile. Son a avenida da Mariña (dende a intersección con Doutor Carús ata o supermercado Gadis), a Praza do Doutor Carús, Alexandre Bóveda (entre Dc. Carús e Castelao), Alejandro Cerecedo, Doutor Tourón (entre Alejandro Cerecedo e Praza de España), Praza de España, Edelmiro Trillo, Padre Feijoo, Arapiles e Praza Ravella (lateral do Concello entre o antigo Liceo e a Calexa de Ravella).

Ás 15.00 horas comezarán a retirarse co guindastre os vehículos que permanezan estacionados na avenida. da Mariña. No resto do percorrido será a partirás das 17.00 horas. A esa mesma hora iniciaranse os peches de tráfico rodado na avenida da Mariña (entre os cruces con acceso o P eirao de Pasaxeiros e o Ramal). A partires das 18.45 horas, empezarase cos peches de Doutor Carús, Alexandre Bóveda, Alejandro Cerecedo, Praza España, Edelmiro Trillo e Arapiles. Finalmente cortarase á circulación na avenida Rosalía de Castro, Juan Carlos I e a rúa San Roque (entre os cruces da Porta da Luz Salgada e o Ramal), coincidindo coa chegada da comitiva real á Praza de Ravella.

Estes peches producirán a inmobilización dos vehículos que puideran quedar aparcados na vía pública e nos garaxes do percorrido, así como os das rúas non comprendidas no percorrido que poidan quedar englobadas ou obstruídas polo paso do desfile.

A Policía Local recomenda aos veciños que, dentro do posible, garden os vehículos nos garaxes con antelación, e os que non teña esta posibilidade, os estacione con anterioridade fora das zonas afectadas.

Zonas de estacionamento e aparcamentos disuasorios

Aos visitantes, recomendase que entren en Vilagarcía antes das 18.00 horas, o que lles permitirá atopar estacionamento nas zonas de párking (Porto, zona de mercado, Xulgados, estación ferrocarril e rúa Vila Janer), nos estacionamentos disuasorios gratuítos da avenida de Cambados, Fexdega e a Finxa de Louro (na avenida Rodrigo de Mendoza), Marxión, os Duráns e A Escardia, e nos párkings públicos de Praza España, Avda. Mariña (Cavadelo) e Praza Juan XXIII.

A Policía Local prega que, dentro do posible, se evite circular en automóbil pola zona urbana entre as 19.00 e as 21.00 horas, así como o máximo respecto á sinalización circunstancial e ás indicacións dos axentes para tratar de facilitar a circulación que, debido os peches mencionados, espérase que sexa lenta e densa nas vías alternativas: Rivero de Aguilar (estrada portuaria), avenida Pablo Picasso, avenida de Cambados, Doutor Touró ;n, Rodrigo de Mendoza e avenida das Carolinas.

En caso de urxencia médica ou doutra índole, prégase avisar telefonicamente á Policía Local (986501582), desde onde organizará a chegada dos medios de auxilio necesarios. O trafico restablecerase tan pronto como sexa posible.