Marea da Vila advirte de que a Vilagarcía cada vez "lle está a custar máis pagar as facturas"

A formación sinala que o último informe de intervención inclúe esta circunstancia e indican que se pasou dos 44,15 días de media no último trimestre de 2021 aos 69,11 no acumulado o segundo trimestre de 2022
María de la O Fernández González. PODEMOS-MARÍA DA VILA
photo_camera María de la O Fernández González. PODEMOS-MARÍA DA VILA

Podemos-Marea da Vila vén de sinalar o aumento no período medio de pago a provedores por parte do Concello de Vilagarcía. A formación explica que a evolución leva sendo negativa dende o 2020 e destaca a advertencia nese senso que se recolle nun informe de intervención que acompaña a un suplemento de crédito para debater no pleno deste xoves.

“A Vilagarcía cada vez lle custa máis pagar as facturas”, sinala María de la O Fernández en relación ao último informe trimestral que indica que Vilagarcía tarda unha media de 69,11 días en pagar as facturas, cando o de finais de 2021 era de 44,15. “Isto dino os informes trimestrais, pero destácao a interventora no seu último informe de suplemento de crédito, polo que consideramos que é algo a vixiar co fin de corrixir esta desviación que é a maior deste mandato”.

En canto ao motivo deste incremento, a voceira de Podemos considera que pode deberse a tensións na tesourería, e recorda que o Concello está a recorrer con frecuencia a modificacións ou suplementos de crédito, como a que vai a pleno este xoves e na que a maior cantidade, 500.000€, vai para gastos do alumeado público. Neste senso, a formación pregúntase “que medidas de eficiencia e aforro enerxético implantou Alberto Varela durante actual crise?”. María de la O Fernández recorda que o PSOE votou en pleno en contra dunha proposta nese senso presentada pola súa formación, polo que insta ao Goberno Local a redactar un plan propio de aforro e eficiencia enerxética.

Insisten en Podemos en que “o goberno non poderá tirar sempre dos remanentes para facer fronte aos gastos correntes” e que a suspensión das regras de estabilidade “é unha situación excepcional”, polo que pídenlle ao PSOE que “se afaste da senda de dispendio actual e racionalice os recursos co fin de atender as prioridades da veciñanza”. En palabras de María de la O Fernández “menos formigón e máis benestar”.