Podemos denuncia a situación de peches puntuais do parque de Bombeiros de Vilagarcía

A formación sinala a gravidade que supón esta situación por falta de persoal durante a madrugada do pasado domingo
Parque de Bomberos de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Parque de Bomberos de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Podemos-Maréa da Vila vén de instar ao Goberno Local a que actúe ante a situación excepcional que se está a vivir nos servizos dependentes do Consorcio Provincial Antiincendios e como está a afectar ao parque de bombeiros de Vilagarcía. A formación considera que o peche do parque de maneira puntual por mor da falta de persoal é unha cuestión de gravidade que merece o interese do Concello de Vilagarcía. 

“Cremos que, como mínimo, Alberto Varela debería interesarse polo que está pasando no parque de bombeiros”, indica María de la O Fernández González, quen pon en valor a actividade desempeñada polo persoal do parque de bombeiros e considera que “o peche puntual por falta de persoal é unha cuestión grave que merece que o Concello de Vilagarcía interveña”, algo que, segundo a candidata de Podemos á alcaldía, “de momento, non aconteceu”.

Podemos afea que o Consorcio, do que é dependente o parque da localidade, “aínda non actuara coa conversión dos contratos de indefinidos a fixos”, tal e como estipulou o supremo ao unificar doutrina sobre este tipo de contrato. “Máis cando o pleno do consorcio comunicou ao persoal que ía asumir esa sentenza”, insiste María de la O Fernández quen non entende “que máis dun ano despois aínda non materializara ese compromiso”.

Neste senso, a candidata de Podemos pídelle a Alberto Varela que dea o paso “de interesarse pola situación e informarse de se o Consorcio, do que forma parte a Deputación de Pontevedra, ten previsto resolver a situación que é orixe da actual folgo”. María de la O Fernández apela ao diálogo entre administracións, que ademais son da mesma cor, “dado que a Deputación non amosou demasiada dilixencia en declaracións recentes ante as xustas reivindicacións dos bombeiros”. A proposta de Podemos é a de “actuar antes de que a situación se enquiste e derive en problemas que poidan afectar á seguridade da veciñanza”.