O plan de humanización continúa pola rúa Vicente Risco e a Praza de España

A labor foi encomendada ao arquitecto Iago Fernández Puentes, autor de proxectos como a escola infantil de Vilaxoán ou o albergue de Carril
Plaza de España de Vilagarcía. GOOGLE
photo_camera Plaza de España de Vilagarcía. GOOGLE

A rúa Vicente Risco e o tramo contiguo da Praza de España son as dúas rúas do centro urbano polas que o Concello dará continuidade ao seu plan de humanización e mellora dos servizos urbanos. Para ir avanzando os trámites desta nova actuación, o goberno local adxudicou a elaboración do proxecto técnico a Iago Fernández Puentes, arquitecto que deseñou outras obras destacables en Vilagarcía, como a escola infantil de Vilaxoán ou o albergue de Carril. Os traballos de redacción teñen un custe de 8.712 euros que se financian cunha achega do Plan Ágora da Deputación, destinado á recuperación de espazos públicos, creacións de sendas peonís e/ou ciclables.

A humanización de Vicente Risco foi demandada en varias ocasións por residentes na zona, en especial despois das peonalizacións xa desenvoltas nas rúas da contorna (laterais da Praza de España, Arcebispo Andrade e Covadonga) e da reordenación do tráfico en torno a Alejandro Cerecedo. Por esta mesma razón, a intervención estenderase tamén ao lateral da Praza de España que conecta con Doutor Tourón, un pequeno tramo que, unha vez peonalizada Vicente Risco, xa non sería operativa para a circulación de vehículos.

Os criterios marcados para a redacción do proxecto son a mellora da accesibilidade e da calidade do espazo ur bano, con medidas como a renovación de toda a pavimentación da rúa con solución de continuidade, a instalación de novo mobiliario urbano, xardinería e elementos vexetais e a renovación do sistema de alumeado. Ademais, como se está a facer en todos os proxectos de humanización, a obra aproveitarase para renovar os tramos das redes municipais de saneamento (pluviais e residuais) que se atopen en mal estado.

Precisamente, hai uns días que o Concello levou a cabo unha actuación de mellora no saneamento en Vicente Risco, en concreto en dous tramos da vía. Aínda que o proxecto de humanización que está previsto executar xa prevía esta medida, ante a reiteración dos problemas que se estaban a dar, o goberno local optou por acometer estas intervencións para que a veciñanza non teña que esperar máis para ver solucionadas as deficiencias no servizo