Piden seis anos de cárcere para o extesoureiro da Comunidade de Montes de San Pedro de Cea, que se apropiou de case 385.000

O caso, que procede do Xulgado de Instrución nº2 de Vilagarcía de Arousa, xulgarase este martes, ás 10,00 horas, na Sección 4ª da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Un coche de la Policía Nacional frente a la Audiencia Provincial. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un coche de la Policía Nacional frente a la Audiencia Provincial. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Fiscalía pide seis anos de cárcere para o extesoureiro da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Pedro de Cea, en Vilagarcía de Arousa, por cobrarse para si mesmo cheques e pagarés por valor de case 385.000 euros.

O caso, que procede do Xulgado de Instrución nº2 de Vilagarcía de Arousa, xulgarase este martes, ás 10,00 horas, na Sección 4ª da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Segundo relata o Ministerio Fiscal no seu escrito, o acusado foi o tesoureiro da Comunidade de Montes entre 1991 e 2015, cargo desde o que xestionaba o diñeiro da asociación.

Afirman que, entre os anos 2005 e 2014, cobraba para si mesmos cheques e pagarés ao portador emitidos pola comunidade. A dinámica era a seguinte: os cheques emitidos pola Comunidade de Montes tiñan que ser asinados mancomunadamente polo presidente e polo tesoureiro, o acusado.

O acusado cubría integramente os cheques e pagarés aoportador; unha vez cubertos, algunhas veces falsificaba a firma do presidente e outras modificaba e incrementaba o importe inicial dos cheques e pagarés despois de que estes fosen asinados polo presidente.

Con este método, a Fiscalía cifra en, polo menos, 384.899,01 euros os apropiados polo tesoureiro.

Ademais, en 2012, o acusado transferiu 4.000 euros desde unha das contas bancarias da comunidade á conta da súa esposa. Este importe foi devolto após descubrirse o ilícito.

Como consecuencia de todo isto, en decembro de 2014 a Comunidade de Montes quedou sen fondos.

En base a todo o anterior, a Fiscalía solicita para o acusado unha pena de seis anos de prisión por un delito continuado de apropiación indebida de especial gravidade atendendo á entidade do prexuízo e á situación económica en que se deixou ao prexudicado e por outro delito continuado de falsidade documental en documento mercantil.

Ademais da pena de prisión, reclaman tamén doce meses de multa a razón dunha cota diaria de 30 euros.

En canto á responsabilidade civil, o acusado deberá indemnizar á Comunidade de Montes no importe de 384.899,01.

Por último, o fiscal pide que se acorde expresamente o sobresemento provisional a esposa do acusado, que declarou como investigada e considera que "non hai motivos suficientes para formular acusación contra ela".