Persoas Maiores abre o prazo de inscripción das travesías en galeón para veciños

Os interesados en participar na actividade do vindeiro 4 de setembro deberán facelo nas dependencias da concellería dende o mércores 10 ao venres 19 de agosto

Galeón Cortegada. DP
photo_camera Galeón Cortegada. DP
A Área de Persoas Maiores abre o mércores, 10 de agosto, o prazo para anotarse nas rutas en galeón que dentro do convenio de colaboración subscrito entre o Concello e a asociación Rompetimóns para a realización do programa de travesías turísticas, se reservan en exclusiva para vilagarciáns de 65 ou máis anos. O departamento que dirixe Tania García oferta 18 prazas a distribuír entre as dúas viaxes que se realizarán o día 4 de setembro pola tarde. Os interesados deben acudir a anotarse ás dependencias da concellería. O prazo remata o día 19 de agosto.

As travesías turísticas no galeón Cortegada sairán ás 16.00 e ás 18.00 horas dende o peirao de pasaxeiros de Vilagarcía, cun aforo de 9 viaxeiros cada unha delas. Os requisitos obrigatorios para poder participar son estar empadroado en Vilagarcía e ter cumpridos os 65 anos.

As inscricións serán a título individual (unha persoa en cada solicitude). En caso de haber máis persoas anotadas que prazas dispoñibles, estas adxudicaranse mediante o sorteo público a realizar nas dependencias de Persoas Maiores o 29 de agosto ás 10 da mañá. Os beneficiarios, cos que se contactará telefonicamente, deberán pasar polas dependencias municipais posteriormente para formalizar a reserva. De non facelo perderán a praza.

As persoas que non resulten beneficiarias entrarán a formar parte da lista de agarda, á que se recorrerá, segundo orde de lista, para cubrir as baixas que poidan producirse.

Cada travesía terá unha duración aproximada de dúas horas nas que os pasaxeiros poderán gozar da experiencia de navegar a vela pola privilexiada contorna da Ría de Arousa bordeando a illa de Cortegada e As Malveiras, territorios insulares incluídos no Parque Nacional das Illas Atlánticas; achegándose ao esteiro de Rianxo para dirixirse posteriormente cara o interior da ría ata chegar á altura da praia das Sinas e regresar a augas de Vilagarcía.