O BNG solicita protexer o Pazo de Sobrán e a Igrexa de San Martiñó como B.I.C.

O encontro coa Asociación veciñal de Faxilde evidenciou a necesidade da actuacións perentorias no lugar, mellorando subministro de auga, rede de saneamento e pluviais.
Imaxe da xuntanza do BNG coa Asociación Veciñal de Faxilde. DS
photo_camera Imaxe da xuntanza do BNG coa Asociación Veciñal de Faxilde. DS

O candidato do BNG á Alcaldía de Vilagarcía, Xabier Rodríguez Paz, continúa a campaña de diálogo, proximidade e contacto co tecido asociativo do municipio. Agora vén de manter un encontro coa Asociación veciñal de Faxilde, no centro sociocultural do lugar. Na reunión constatou a sensación das xentes do ámbito rural e periférico que senten marxinación nas políticas municipais, xa que é moito o que está pendente de atenderlles en materia de seguridade no tránsito e de infraestruturas que faciliten o seu benestar en igualdade de condicións ás doutros lugares, segundo sinalan dende a formación.

Solicitan a mellora do transporte público co centro. E urxen que no núcleo central de Faxilde se acometan intervencións que permitan unha correcta subministración de auga potable ou actuar na rede de saneamento; e, a xulgar polos recentes acontecementos deste inverno -sinalan-, é imperiosa a mudanza da rede de evacuación de augas pluviais para evitar o encoraxe de auga co que se anegan predios e vivendas ou causan mesmo situacións de perigo para os transeúntes; como provocaron determinados corrementos de terras que van ter que ser estabilizados e protexidos con varandas.

No transcurso da xuntanza tamén se falou do risco para os vehículos que supoñen as canalizacións a ceo aberto de A Pelada, dos problemas de salubridade, limpeza de camiños e presenza de roedores; da ordenación do tráfico, lamentando a oportunidade perdida de desaproveitar o tempo de obras alí realizadas para efectuar a reordenación de vías e camiños de sentido único, ornamento, zonas de descanso con bancos axeitados, árbores e especies vexetais vivaces. Igualmente, tocáronse temas como o da sinalización de prazas de estacionamento, paradas de autobús escolar ou melloras do firme.

Denuncian o longo e opaco proceso xudicial en torno á presunta usurpación de terreos por particulares que son reclamados pola veciñanza como públicos no entorno da Fonte. Sinalan á oportunidade de adquirir o Pazo de Sobrán, en venta, para ao patrimonio público. Un ben que sumado á Igrexa de San Martiño e a Ruta Frei M. Sarmiento é vital para o turismo, indican os nacionalistas.