Pablo Vidal: “A música é o que nos define como seres humanos”

A pesaren de non ter interese pola música cando era mozo, o contrabaixista fixo carreira en xéneros coma o rock, o jazz ata chegar incluso ao mundo das orquestras
photo_camera Pablo Vidal para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A miña historia
Son medio basco, medio galego, e fun nacer en Baracaldo, fillo de galego e dunha basca polas circunstancias da emigración. Aos 7 anos trouxéronme para Galicia. Non lembro moito interese polo tema musical cando era pequeno. O que si lembro é a meu pai tocar e cantar e un dia colleume e aprendeume a sacar acordes nunha guitarra e xa non parei. Eso foi aquí en Bamio. Foi un cambio brusco vir dunha área metropoltana como Bilbao a unha aldea no ano 74, pero quizais eso fixo que puidese adicarme máis á música. Comecei na escola de Alfonso Galván. Lembro que íamos a examinarnos ao conservatorio de Pontevedra. Pero o meu primeiro mestre foi o meu pai que vivía a música dun xeito non academicista. Con 11 ou 12 anos empecei a formar parte do grupo de música e teatro Airiños cos cales gravei un disco, xiramos por Galicia e fomos a Alemania. Foi a miña primeira experiencia nun estudo de gravación e encantoume. Pode que esa sexa a razón de que hoxe eu teña un estudo de gravación en Bamio. 

Entón a vida musical do teu pai comeza en Euskadi.
Si, meu pai emigrou. Toda a familia do meu pai practicamente emigrou ao País Basco.El era orfo de pai e descubrín hai pouco que meu avó era irlandés. Cousas da vida. Meu pai no País Basco traballou, entre outras cousas, de Policía Municipal, traballo que exerceu durante 16 anos. Estudou e fíxose deliñante. Logo entrou no Orfeón Baracaldés que é unha institución e tiña o Trío Los Soberanos e compoñía moitísimas cancións sobre a súa terra. As cancións que están neste disco reflexan toda a morriña que el sentía. 

E este disco, Galicia Fermosa, é unha produción túa.
Unha produción miña coas cancións do meu pai. Eu andaba dándolle voltas sobre como recuperar a memoria do meu pai. Entón Carlos Rey  mandoume un whatsapp cunha canción do meu pai, preguntando: ‘A ver se sabes o que é esto? Claro que sabía o que era: Carril Xeitoso. ‘Nós do Carril xeitoso somos da beira do mar...” era unha canción popular, como tantas outras que fixo meu pai. En Carril a maioría da xente sabe quen era meu pai e que eran súas. Pero non acontecía así fóra do municipio, e démonos conta que as tocaban outras agrupacións sen saber de quen eran. Mesmo unha orquestra cantaba unha canción de meu pai dicindo que era unha composición deles. 

O disco foi unha reivindicación do autor logo.
A idea era reivindicar esas composicións, a autoría. Carlos Rey envíame Carril Xeitoso e foi un pouco o resorte que faltaba, porque el tiña esas cancións e eu tiña outras, letras manuscritas, letras na súa máquina olivetti, fotografías... e a miña idea era gravar esas cancións sen cambialas demasiado, para o cal tomei contacto cos membros do coro que meu pai fixo en Carril cando chegou do País Basco, Coral Alento Xove, Conchi e Rosario, fundamentalmente, e o coro medrou ata 15 persoas. Pero xurdiu a idea de contar a historia nun libro. 

E ti como empezas na música?
Meu pai crea a coral Alento Xove e empecei a tocar o órgano con 9 anos en Carril. Con 14 anos empecei a tocar o baixo eléctrico, un instrumento que logo seguiría tocando en grupos de rock tan populares como Os Resentidos, Contrabanda ou Sétima Convocatoria de Santiago. 

É certo que Mecano foi “teloneiro” voso?
Eso foi no ano 87 en Castrelos, Vigo, con Sétima Convocatoria, liderado por Xabier Devesa que tamén foi fundador de Semen Up e estivo nos Resentidos. Tiñamos que ser os teloneiros de Mecano en Vigo, pero por problemas de son e outras cousas ocorreu que eles tocaron primeiro e logo tocamos nós, o que fixo que Mecano fosen os nosos teloneiros.

Eses son os teu inicios no rock, pero tamén fuches músico de orquestra.
Toquei en varias orquestras galegas. Daquela, se querías vivir da música ou dabas clases ou tocabas en orquestras. Era unha época na que Los Satélites ou Los Tamara eran referentes musicais. Eu participei en orquestras como a Pasarela, coa que tocamos en presentacións de películas de Almodóvar en Madrid, Congresos en Sevilla... 

Que che aportou tocar en orquestras?
Foi un campo de proba no que puiden experimentar facendo arranxos e aprender. Pero o paradigma das orquestras cambiou moitísimo. As condicións de vida cambiaron cando empezaron a traer músicos do Caribe, algúns fantásticos, pero o problema é que viñan nunhas condicións de vida moi malas. Tamén coincidiu coa chegada da tecnoloxía e moitos grupos empezaron a levar a música gravada e os donos de orquestras empezaron a montar orquestras sen músicos profesionais.

Que te leva ao jazz?
Seguramente a influencia das películas, dos musicais. Pero non me considero un músico de jazz. 

Entón que es musicalmente?
Son ecléctico. Formeime no jazz porque era unha música moi complicada, a parte que me gustaba. 

Como defines o que fas a dúo con Clara Pino?
O que facemos é música vencellada á literatura. Por exemplo, no disco Nowhere a literatura é importantísima. Clara escribe poesía e esas letras inspiráronme para compoñer ‘Nacín soa’, que é un blues tocado nun xeito amoroso coa sonoridade do contrabaixo e a harpa.

Cando chegas ao contrabaixo?
De maior, o cal é un handicap porque é un instrumento que condiciona a arquitectura corporal. De feito para tocar o contrabaixo tiven que facer exercicio para fortalecer ombros, brazos... empezo a tocalo nos anos 90 porque empezo a tocar jazz en directo co grupo La Dolce Vita. 

E tocas o baixo cando fas rock.
Sempre. É un instrumento con máis forza e pegada, e o instrumento que mellor toco seguramente.

No rock destaca a túa aventura cos Resentidos.
Empecei con eles no ano 92. Xa eran un grupo emblemático e fixemos xiras por toda España. Gravei con eles tres discos, o último foi Operación Nautilus onde hai varias composicións miñas. 

Enton quen é Pablo Vidal?
Pablo Vidal síntese moi a gusto acompañando, arroupando e reproducindo aos demais. Sempre me sentín moi a gusto no estudio, quizais un pouco no anonimato: compoñendo e arranxando. 

Cara onde miras musicalmente?
Agora miro para adiante. Escoitei moita música brasileira. E cando empezaba a tocar o baixo escoitaba moita fusión, funk... naquela época todos os baixistas queríamos ser Jaco Pastorious, pero cando tocas nun grupo de rock e tocas máis de catro notas, mírante mal. Entón aprendín a eliminar todas as notas que sobraban. 

Como é a canción de teu pai que se fixo tan popular en Arousa?
Eu me vou en bote/en bote de vela/ quero embarrancarme na area da praia de Compostela.

Con esa canción recuperas a memoria musical de teu pai, e que máis?
Recupero unha familia que coñecín cando tiña 9 anos. O coro Alento Xove de Carril que meu pai formou con xente sencilla, non había músicos. Ao proxecto de recuperación da memoria musical de meu pai chamámoslle Galicia Fermosa, que é unha das súas cancións, e a raiz deso fago unha asociación cultural que se chama Galicia fermosa. A idea é manter vivo este acervo musical pero tamén amplialo. 

Por que se canta tan ben no Salnés?
É un pouco algo común a todas as vilas mariñeiras. Agora chamámoslle Salnés e a min gústame falar de Arousa, a relación que sempre houbo entre os pobos da ría que está reflexado na música tradicional. 

Como é a xente de Arousa?
Moi valente. Moi alegre. A xente de Arousa é xente que afronta as adversidades e que gustan de cantarlle á vida arredor do viño ou dunha boa empanada de millo como as que fai Rosario. E eso é o que facemos nos nosos encontros musicais, así rematan.

Que pensas da nova xeneración de músicos?
Que o teñen todo, pero que tamén o teñen todo máis difícil.

Non o soluciona a intelixencia artificial?
Non. Hai que aprender a manexala igual que as emocións.

Falando de emocións, convives cunha muller que tamén é artista. Poden convivir dous músicos?
Clara á parte de músico é docente, profe, e escritora, unha muller con moita sensibilidade. Pero cada un ocupa o seu espazo.

Entón non levades a música á cama.
Non. Temos moi bo ritmo, pero non.

Pódese triunfar na música desde Galicia?
Si. Cando lle puxen ao estudio Aldea Global é porque pretendía gravar nunha aldea como Bamio, pero producir para calquera parte do mundo. A época da emigración pasou e agora podemos facer cousas aquí e exportar o traballo que facemos. 

Que é importante na vida?
É importante que as miñas fillas encontren o seu sitio no mundo. 

Que é a música?
A música é algo que nos define como seres humanos. 

Pero non moita borralla musical?
Hai música nos anuncios, nas bandas sonoras, hai música que é arte, que é cultura, pero hai música que é entretemento simplemente. A música está en todas partes. 

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Amizade.
Un lugar?
O Faiado da Memoria. 
Unha persoa?
Alberto Avendaño.
Unha personaxe?
Barón Rampante. 
Alguén imprescindible?
Nestes momentos estou pensando no meu irmán. El é o maior e dalgunha maneira sempre souben que ía quedar comigo. Tivo meninxite de pequeno, ten o cerebro moi dañado,  ten epilepsia, é medio cego...
Alguén importante?
Clara Pino.
Un obxecto? 
Un contrabaixo. 
Que é a vida?
A vida é o que facemos neste momento. E todo o que nos queda por facer, o que imaxinamos que podemos facer. Pero por suposto cunha banda sonora, con música.