Ortiga, Sés, Grande Amore ou Caamaño & Ameixeiras pechan o cartel do Revenidas

13 dos 14 artistas que se suman ao cartel do festival son galegos, xunto cos portugueses Plectro ▶ Tamén se deron o coñecer os nomes dos artistas que acompañarán a Boyanka Kostova na primeira noite do festival, que serán Pili Pampín, Grande Amore, Dios Ke Te Crew e Mundo Prestigio.
O artista Ortiga. FACEBOOK
photo_camera O artista Ortiga. FACEBOOK

A música galega celebra a súa última gran festa do verán en Vilaxoán de Arousa do 7 ao 11 de setembro. O Revenidas, que ademais de artistas do panorama internacional e estatal, contaba xa cunha gran presenza de música galega, reafirmou hoxe a súa aposta polos artistas made in Galicia. Dos 14 grupos e cantantes en solitario que o comité de prensa do festival anunciou hoxe, 23 de agosto, a través dun comunicado, 13 son galegos.

Entre os artistas confirmados contamos cunha importante asistencia de músicos que están agora mesmo resoando nos altavoces da mocidade galega, como Ortiga ou Grande Amore, tamén o dúo folk Caamaño & Ameixeiras ou os rockeiros Monoulious Dop. O garage rock soará forte en todo Vilaxoán coa presenza dos muradanos The Rapants, os discípulos de Terbutalina. Xunto a eles, actuarán outras bandas emerxentes que seguro darán moito que falar, como Copa Turbo e Doen, ambos arousáns. Ademais deles dous, as actuacións de artistas locais continúan con Kris K Dj e La Yaya Dj, así como tamén Os Terribles de Arousa.

Cartel completo. REVENIDAS
Cartel completo. REVENIDAS

 

Revenidas tamén é lugar para artistas tan consagrados na escena musical galega como é o caso da cantautora Sés, e tamén para aqueles que están a dar os seus primeiros pasos no mundo da música pero xa están dando moito que falar. A pontevedresa Sinner, que xunta glam e punk, ou os portugueses Plectro, unha excepción nunha listaxe chea de artistas galegos.

O artista detrás de Ortiga, Chicho, tamén estará presente o xoves 7 no festival, baixo outro dos seus proxectos, o dúo de trap Boyanka Kostova. Revenidas anunciou hoxe tamén quenes son os amigos que os acompañarán a el e a Cibrán, a outra metade da agrupación. Pili Pampín, Grande Amore, Dios Ke Te Crew e Mundo Prestigio son os invitados á gran festa do mércores, que servirá de adianto ao que será o Revenidas, un festival con todo tipo de estilos e unha enorme presenza da música galega.