A Orquestra Sinfónica de Galicia regresa a Vilagarcía con Falla, Debussy e Turina no programa

A actuación que terá lugar o vindeiro venres 11 ás 20.00 horas, é a que estaba comprometida para o mes de marzo pasado, suspendida pola folga do transporte
A Orquestra Sinfónica durante unha actuación. RAFA FARIÑA/ARQUIVO
photo_camera A Orquestra Sinfónica durante unha actuación. RAFA FARIÑA/ARQUIVO

Fiel ao seu compromiso, despois de que en marzo tivera que suspender o concerto previsto a causa da folga de transporte, a Orquestra Sinfónica de Galicia estará o vindeiro venres en Vilagarcía, ás 20:00 horas no auditorio, cun repertorio centrado en Falla, Debussy e Turina. A entrada será libre e gratuíta, con control de aforo, pero sen reserva previa, de xeito que o acceso farase por rigoroso orde de chegada. Dende a Concellería de Cultura pediron, polo tanto, que o público se achegue ao recinto con suficiente tempo para respectar ao máximo a hora de inicio do concerto.

A elección do programa non é casual, segundo informa a propia Orquestra Sinfónica. Preludio á sesta dun fauno de Debussy é de 1894, Noites nos xardíns de España de Falla, de 1916, e a Sinfonía sevillana de Turina, de 1921. Neste sentido, móvese nunha estreita franxa cronolóxica —menos de trinta anos— que verá, ademais, o encontro e ata a amizade entre os seus protagonistas. Falla chegará a París en 1907 e en outubro coñecerá a Claude Debussy. Inmediatamente xurdirá entre eles unha corrente de afecto e admiración mutua. Do compositor francés Falla arranxara, en 1906, Danza sacra e danza profana substituíndo a arpa polo piano. En 1924, a pedimento da Orquestra Bética Filarmónica, fará o propio con Preludio á sesta dun fauno. Á súa vez, Falla coincidirá en París con Joaquín Turina, que estudaba na Schola Cantorum con Vincent D’Indy, e con quen compartirá vivenda no mesmo edificio da Avenue Kléber. En xaneiro de 1915 o Ateneo de Madrid ofrecería unha homenaxe conxunta aos dous compositores. Un morrería en Arxentina, tr s marchar de España arrepiado pola Guerra Civil e o outro sería nomeado, tras esa mesma guerra, Comisario Xeral da Música polo goberno de Franco.

As tres composicións deste programa están íntimamente ligadas ao director de orquestra Enrique Fernández Arbós. El dirixiu as estreas absolutas de Noites nos xardíns de España e da Sinfonía Sevillana, así como, en 1906, a premiére en España do Preludio á sesta dun fauno.

A Orquestra Sinfónica de Galicia, unha das de maior prestixio de España, estará dirixida nesta ocasión por José Trigueros, con Pablo Amorós ao piano.

O programa é o seguinte:
I PARTE
MANUEL DE FALLA (1876-1946)
- Noites nos xardíns de España (23´)
No Generalife
Danza afastada
Nos xardíns da Serra de Córdoba
II PARTE
CLAUDE DEBUSSY (1862-1918)
- Preludio á sesta dun fauno (10´)
JOAQUÍN TURINA (1882-1949)
- Sinfonía sevillana (20’)
Panorama
Polo río Guadalquivir
Festa de San Xoán de Aznalfarache