As obras de mellora de accesibilidade adxudícanse por debaixo do prezo de licitación

Os traballos adxudicáronse por 141.000 euros con IVE incluído, 9.000 euros menos do prezo de licitación, e coa ampliación do prazo de garantía ata os catro anos 

A Rúa Marxión en Vilagarcía de Arousa. GOOGLE
photo_camera A Rúa Marxión en Vilagarcía de Arousa. GOOGLE

A empresa Moncosa OH S.A. será a encargada de executar as obras da segunda fase do proxecto de mellora da accesibilidade nas rúas de Vilagarcía de Arousa. Nesta etapa afectará á rúa Marxión, ao primeiro tramo da avenida Doutor Tourón e ao acceso ao barrio do Piñeiriño desde a avenida de Cambados.

Os traballos adxudicáronse por 141.000 euros (IVE incluído), 9.000 por debaixo do prezo de licitación, e cunha mellora no prazo de garantía que se amplía en 12 meses, cubrindo así os catro anos posteriores ao remate dos traballos, que teñen un prazo de execución de 2 meses. As obras fináncianse a través do Plan Concellos 22-23 da Deputación de Pontevedra.

As tres intervencións incluídas neste proxecto intégranse no Plan Municipal de Mellora da Accesibilidade que está a desenvolver o Concello de Vilagarcía. Están incluídas diversas actuacións tendentes a adaptar as beirarrúas aos anchos previstos na lei, construílas con materiais que resulten máis cómodos e seguros para ser transitados polos peóns, máis resistentes e tamén para mellorar a seguridade viaria.

A actuación principal no acceso ao Piñeiriño centrarase en renovar o tramo de beirarrúas da avenida de Cambados, o que chega ao cruce con Camilo José Cela. Atópase moi deteriorado debido ás raíces das árbores que levantaron o pavimento e dificultaban o tránsito dos peóns e das pers oas con mobilidade reducida.

A maiores de garantir a accesibilidade, o outro obxectivo da actuación prevista na rúa Marxión é mellorar a seguridade viaria da zona escolar, con actuacións como ensanche de beirarrúas onde o ancho da calzada o permita, e creación de corredores seguros para o tránsito dos peóns onde non sexa viable a primeira opción. Ademais, por tratarse dunha zona moi transitada polo alumando do edifcio Anexo do C.E.I.P. A Lomba e do Centro de Educación Especial, adoptaranse medidas de seguridade viaria e calmado de tráfico, como a elevación de pasos de peóns.

Por último, as obras proxectadas en Doutor Tourón terán dúas partes. A primeira afectará ao tramo que discorre entre a ponte sobre o río Con e o cruce coas rúas Fariña Ferreño e Alejandro Cerecedo, e completará a actuación levada a cabo hai uns meses cando se ensanchou unha das beirarrúas. Polo tanto, a obra a realizar agora afectará á da outra marxe da calzada. No segundo tramo, o que vai desde os semáforos ata a Praza de España, actuarase nas dúas beirarrúas, pero non se eliminarán estacionamentos xa que o ancho da calzada o permite ao tratarse dunha rúa de sentido único de circulación de vehículos, cunha plataforma de circulación que antigamente dispoñía de dous carrís.

Aproveitando as obras tamén se revisará a rede de saneamento e se adaptará a de recollida de pluviais recolocando os sumidoiros segundo a nova configuración das beirarrúas. Igualmente, as actuacións inclúen o pintado da sinalización horizontal.