As obras da glorieta na avenida de Cambados comezarán a vindeira semana

A primeira fase só afectará ás zonas de tránsito de peóns, polo que o tráfico rodado non se verá afectado salvo en casos puntuais ▶ O proxecto irá desenvolvéndose de forma gradual e progresiva para causar os menores inconvenientes e que a xente se vaia acostumando á nova situación
 
Avenida de Cambados Vilagarcía. DS
photo_camera Lugar en el que se va a situar la nueva glorieta. DS

Os traballos para a construción da nova glorieta para regular o tráfico na intersección da Avenida de Cambados coas rúas Fontecarmoa e Vista Alegre comezarán a executarse a partir do luns 23 de xaneiro. As obras desenvolveranse por fases e de forma gradual para minimizar os inconvenientes que poden ocasionar ao tráfico rodado nunha das principais arterias de comunicacións da cidade. Por esta razón, a primeira fase dos traballos centrarase exclusivamente nos espazos peonís, é dicir, no acondicionamento e mellora da accesibilidade das beirarrúas e da praciña situada fronte ao edificio Pablo Picasso. Os traballos na plataforma rodada non comezarán ata rematar esta primeira fase.

Ao centrarse nas beirarrúas de forma exclusiva, esta primeira parte das obras non afectará á circulación de vehículos, que se manterá tal cal está, salvo casos puntuais nos que, por exemplo, haxa que usar maquinaria que faga necesario ocupar temporalmente parte dun carril. De darse esta circunstancia, o tráfico regularíase mediante semáforos de obra.

Os traballos comezarán pola beirarrúa do lateral da avenida Doutor Tourón que discorre entre as Torres Caixanova e a praciña situada tras os semáforos do paso de peóns do edificio Pablo Picasso. Deste xeito darase continuidade á renovación das beirarrúas levada a cabo en Doutor Tourón xa hai uns anos a través do proxecto de mellora de accesibilidade no barrio de Matosinhos e contorna.

A continuación pasarase a traballar no lateral oposto da avenida, reconstruíndo e mellorando as beirarrúas que van dende o cruce coa rúa Xunqueira ata a zona dos aparcamentos disuasorios da Avenida de Cambados.

Accesibilidade, seguridade e humanización

As beirarrúas ensancharanse nalgúns puntos e melloraranse utilizando formigón continuo para garantir a perfecta accesibilidade. Así mesmo, acondicionarase o espazo existente actualmente entre o cruce da avenida de Cambados con Vista Alegre e a travesía de Pablo Picasso, unha zona que actualmente representa certos riscos ao compartir uso peóns e vehículos. O espazo acondicionarase a modo de praciña para garantir a seguridade dos peóns, á vez que se manterá unha zona de aparcamento de vehículos na parte interior que linda coa finca do Montiño. Os traballos completaranse coa instalación de mobiliario urbano e algún elemento vexetal.

A empresa adxudicataria, Galsur, calcula que a renovación das beirarrúas poda levar unhas dúas semanas, aproximadamente. Antes de pasar aos traballos da plataforma rodada, e para ir habituando aos condutores e usuarios da zona, porase en marcha o cambio de sentido da circulación nas rúas Vista Alegre e Manuel Antonio. A partir dese momento, os vehículos que queiran acceder á zona do centro comercial dende este punto, deberán facelo por Vista Alegre, e a saída será por Manuel Antonio, ao contrario que ata agora.

A medida entraría en vigor nos primeiros días de febreiro e tras informar previamente aos veciños da mazá afectada mediante a distribución de notas informativas en todos os portais, baixos e garaxes. Tamén se comunicará previamente a través dos medios de comunicación.

Deste xeito preténdese que os condutores que frecuentan esta zona xa estean habituados ao cambio unha vez que se pase a última fase das obras, a da construción da glorieta propiamente dita, traballos que si afectarán ao tráfico rodado e dos que se irá informando con antelación suficiente. A previsión é que esta fase comece a mediados de febreiro.

Mellorar a fluidez nunha das principais arterias circulatorias da cidade

A construción da glorieta na encrucillada da avenida de Cambados coas rúas Vista Alegre e Fontecarmoa ten un custe de 179.200 euros. O proxecto deseñouse para aportar fluidez ao tráfico nesta importante arteria de entrada e saída ao casco urbano –a composta polas avenidas de Cambados e Doutor Tourón- despois dos cambios circulatorios realizados no barrio dos Duráns como consecuencia da humanización da rúa Camiño José Cela. O proxecto realizouse tras avaliar os estudos dos fluxos circulatorios realizados por unha empresa especializada.