A obra menor tirou do sector da construción en 2023 cun incremento de licencias do 8,5%

Este aumento compensou cun saldo positivo o descenso do 2,9% das obras maiores
Obras na futura Biblioteca Municipal de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Obras na futura Biblioteca Municipal de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O departamento municipal de Urbanismo do Concello de Vilagarcía tramitou e aprobou ao longo do ano 2023 un total de 1.038 licenzas urbanísticas e de construción, o que supuxo un incremento do 3,4% respecto ao ano anterior. No que respecta aos permisos de construción propiamente ditos, cómpre destacar a evolución ao alza da obra menor que, cun aumento do 8,5%, compensou con creces o descenso do 2,9% da maior. En datos absolutos, o Concello concedeu este ano 776 permisos para obras menores (61 máis que en 2022) e 167 para obras maiores (5 menos).

As licenzas de construción son tradicionalmente as máis numerosas entre todas as que se tramitan no departamento municipal de Urbanismo e, dentro delas, as de obra menor (as que non precisan de realización de proxecto previo) son historicamente as máis frecuentes. Na categoría de obras maiores entran as actuacións de maior envergadura e complexidade técnica, tanto edificios de nova construción de todo tipo (bloques de vivendas, naves, vivendas unifamiliares…), como obras de rehabilitación, construción de muros de contención, parcelacións e segregacións de terreos, construción de piscinas ou acondicionamento de locais, entre outras. En todos os casos, precísase de proxecto visado.

O segundo grupo de licenzas que se tramitan no departamento de Urbanismo son as 'non construtivas'. Neste apartado, as máis numerosas son historicamente as licenzas de actividade. Este ano tramitáronse un total de 67, un 14% menos que en 2022, cando se xestionaran 78. Pola súa banda, os permisos de primeira ocupación rexistraron unha pequena evolución á alza do 4,5%.

Por último, o departamento de Urbanismo tramita tamén as licenzas de ocupación da vía pública con terrazas da hostalaría. Neste apartado, cómpre salientar que a concesión destes permisos estabilizouse e volveu aos parámetros normais en 2023, despois dos dous anos anteriores nos que as medidas excepcionais aprobadas polo Concello para axudar ao sector a recuperarse das perdas ocasionadas pola pandemia supuxeron un incremento importante de solicitudes para poder acollerse aos beneficios na normativa provisional. Así, no ano que se vai pechar, tramitáronse 5 licenzas de novas terrazas, fronte ás 17 de 2022.