A obra do tanque de tormentas obrigará a pechar a metade do parking dianteiro de Fexdega

O Concello compensará a perda temporal destas prazas habilitando máis espazo na Finca Douro, situada a escasos metros, mentres que as destinadas a vehículos de persoas con mobilidade reducida trasladaranse á rúa continua

Recinto de Fexdega. DS
photo_camera Recinto de Fexdega. DS

As obras de ampliación do saneamento no último tramo do leito do río Con e a construción dos tanques de tormentas comezarán a executarse de forma inminente en Vilagarcía. Augas de Galicia, organismo que promove o proxecto, ocupará a partir do vindeiro martes, 11 de abril, parte do aparcamento dianteiro de Fexdega, espazo no que se emprazará o depósito soterrado para recoller as augas pluviais e evitar inundacións e o desbordamento do río. Para paliar esta perda temporal de estacionamentos, o Concello habilitará máis espazo para aparcar na finca Douro, situada a escasos metros. Ademais, as prazas reservadas para vehículos de persoas con mobilidade reducida trasladaranse á rúa continua.

Augas de Galicia comunicou ao Concello a intención de comezar o martes a valar aproximadamente a metade do parking de Fexdega, a superficie necesaria para acoller o tanque de tormentas e tamén para ter espazo no que instalar as casetas de obra e almacenar materiais de construción. A outra parte do estacionamento quedará completamente operativa, ao igual que o parking posterior de Fexdeg a, moito máis amplo e onde é habitual atopar un bo número de prazas baleiras.

Tal e como xa se acordara co organismo autonómico, os traballos nestes primeiros meses non afectarán á circulación de vehículos na avenida Rodrigo de Mendoza, xa que se centrarán na construción dos tanques. Será despois do verán cando se comece coa instalación da nova rede de saneamento, traballos que si afectará a unha parte da calzada. A espera ata despois de transcorridas as festas patronais e a época estival acordouse a petición do Concello para evitar os problemas de tráfico e as molestias que suporían as obras nesta arteria principal da circulación nuns meses no que o tráfico aumenta polo turismo.

A construción dos tanques de tormentas e a ampliación da rede de saneamento é unha obra pola que Vilagarcía leva máis de unha década agardando e que é imprescin dible, tanto para reducir o risco de inundacións no curso baixo do río Con, como para adaptar o saneamento ás necesidades e actuais dimensións da cidade.

Ademais do de Fexdega, construirase outro tanque soterrado no triángulo da desembocadura do Con, terreos adquiridos hai un tempo polo Concello. Por último, o proxecto de Augas de Galicia prevé a ampliación da rede de saneamento dende Fexdega ata a desembocadura do río e un novo tramo que discorrerá por Valle-Inclán. A ocupación do parking de Fexdega é provisional, e a totalidade da superficie recuperarase como aparcamento unha vez remate a construción do tanque soterrado.