A obra 'Cigarreiras' traslada a súa representación ao vindeiro sábado

A compañía tivo que supender o espectáculo do sábado pasado debido á enfermidade dunha das actirces ▶ A venta de entradas reactívase e ábrese a oportunidade da devolución de billetes da función supendida
Teatro 'Cigarreiras'. DS
photo_camera Teatro 'Cigarreiras'. DS

Finalmente, a representación en Vilagarcía de Cigarreiras, a versión de Cándido Pazó da novela La Tribuna de Emilia Pardo Bazán, será o vindeiro sábado, 22 de outubro, a partir das 20.00 horas no Auditorio. A función prevista inicialmente para o sábado pasado suspendeuse a última hora debido á enfermidade dunha das actrices. A venta de entradas para a nova data reactívase a través de Ataquilla onde as persoas que xa a tiñan comprado para o espectáculo suspendido e non queiran ou non poidan asistir tamén, poderán solicitar a devolución dos cartos.

Cigarreiras vén precedida dun destacado palmarés xa que, ademais de contar co Premio ao Mellor Espectáculo na edición deste ano dos Premios María Casares de Teatro, tamén obtivo os recoñecementos nas categorías de mellor dirección e mellor escenografía. O espectáculo da compañía Contraproducións chega a Vilagarcía tras ser representado con éxito en capitais como Barcelona. Escrita e dirixida por Cándido Pazó, compoñen o elenco Tamara Canosa, Susana Dans, Covadonga Berdiñas, Isabel Naveira, Ledicia Sola, Ana Santos, Mercedes Castro.

A obra xira en torno á folga protagonizada no ano 1873 polas mulleres que traballaban na fábrica de Tabaco de A Coruña. A historia sitúase a finais dio século XIX, nunha época política e socialmente convulsa onde en España houbo cambio de reis, se proclamou a Primeira República e a muller irrompeu no mercado laboral. Nese contexto e na procura do realismo que predominaba na literatura do momento, Emilia Prado Bazán escribiu La Tribuna, alcume polo que se coñecía a unha das operarias da fábrica de tabaco da Coruña que destacaba pola súa corrección á hora de expresarse nas reunións e convencións obreiras. Cándido Pazó adaptou a novela para levala ao escenario, recollendo en Cigarreiras o día a día, as preocupacións e as vidas desas traballadoras humildes, honradas e, sobre todo, dignas.

As entradas xa se poden adquirir ao prezo xeral de 5 euros (máis custes de xestión). Titulares do carné Xove, parados e maiores de 65 anos poden beneficiarse da entrada bonificada a 3 euros. As entradas adquiridas para a función suspendida, serán totalmente válidas para asistir á do día 22. A plataforma de venta de entradas informará desto aos afectados por correo electrónico, así como da opción a solicitar a devolución dos cartos.