O CURTAS, recoñecido como evento de interese turístico local en Vilagarcía

Ser o certame de cine decano de Galicia, con 50 anos de traxectoria, e a internacionalidade acadada nos últimos anos sustentan a declaración
Unha das ilustracións do CURTAS. CURTAS
photo_camera Unha das ilustracións do CURTAS. CURTAS

O Concello de Vilagarcía vén de declarar como evento de Interese Turístico Local ao CURTAS Festival do Imaxinario, o certame audiovisual máis antigo de Galicia e un dos de maior tradición da península Ibérica que dende hai medio século se desenvolve na vila. Precisamente, a declaración chega cando estase a piques de inaugurar a 50 edición do evento que cada ano enche de cine, fantasía e ciencia ficción as rúas da cidade e trae ata o municipio a importantes referentes da cinematografía nacional e internacional, así como a milleiros de persoas que acoden dende diferentes lugares de Galicia e Portugal para asistir ás proxeccións e ver as interesantes e espectaculares exposicións que se organizan en cada edición. E todo, con carácter gratuíto.

Eses tres aspectos, o de ser o festival de cine decano de Galicia, o da súa lonxevidade e o da internacionalización que foi gañando nos últimos 6 anos, son os piares principais que sustentan a declaración de Interese Turístico Local aprobada pola Xunta de Goberno do Concello de Vilagarcía.

Nado como Festival de Cinema Afeccionado de Vilagarcía en 1973, o certame creado polos socios do Liceo amantes do cine foi medrando ano tras ano, sufrindo cambios e evolucionando. O primeiro gran cambio tivo lugar no ano 2016, cando a sociedade, co patrocinio do Concello de Vilagarcía, puxo nas mans da asociación cultural Curtas Film Fest a organización do evento, qu e pasou a adoptar o nome do colectivo.

A explosión total do certame produciuse no ano 2020 cando o Concello se involucra máis coa asociación despois de que nos anos precedentes xa fora incrementando o seu apoio económico e loxístico. A partir de entón e seguindo a liña na que viña evolucionando da man do colectivo o do seu director, Luís Rosales, o certame amplía contidos e adopta o nome actual CURTAS Festival do Imaxinario de Vilagarcía. Deste xeito convértese nun fenómeno de masas e de gran efecto dinamizador da actividade cultural relacionada coa produción audiovisual en xeral (curtametraxes, cine, documentais…), e tamén da actividade turística ao incluír na programación grandes exposicións, o xénero da ilustración e tamén actividades complementarias como obradoiros ou feiras temáticas.

Como complemento ás proxeccións, están as exposicións sobre as películas e os universos dos Gremlins, Alien, O Señor dos Aneis, Harry Potter, entre outras. Entre a lista dos profesionais e personalidades asistentes ao certame nestes anos atópanse convidados internacionais como Joe Dante, Mick Garris, John Howe, David Lloyd, Dave McKean, Juan Giménez, ou Ariel Olivetti, e nacionais como Juan Manuel Baixo Ulloa, Macarena Gómez, Elia Barceló, Daniel Monzón, Nacho Vigalondo, Luís Royo, Salvador Larroca, Jesús Merino, Salva Espín entre moitos outros.

O CURTAS Festival do Imaxinario súmase así aos festivais musicais das Revenidas e o Atlantic Fest, que tamén recibiron este ano a declaración de Interese Turístico Local do Concello de Vilagarcía de Arousa.