Líder do proxecto musical Xackal

Nano Suárez de Lis: "Definiríame como músico de sensacións"

Nano Suárez de Lis. DS
O músico vilagarcián Xackal e a cantante e compositora mexicana Pahua, tenden unha evocadora e colorista ponte sonora entre Galicia e Latinoamérica coa creación dun traballo conxunto, o tema ‘Embora’

Capacidade de evocación e sedución é o que achega ao público o novo traballo de Xackal, o proxecto musical liderado polo músico vilagarcián Nano Suárez de Lis, e a produtora mexicana Pahua. Isto é o que ocorre cando dúas inquitudes tan frutíferas e expansivas conflúen nun mesmo proxecto. Trátase de ‘Embora’, unha delicia pop envolta en aromas de bossa nova e sutil electrónica que se sustenta cunhas xuguetonas percusións, das cales se encargou o gaditano Malick Mbengue e da guitarra acústica o brasileiro Roohari. Ademais, as mesturas e a masterización son obra de Bagoah Production House, o team formado polo propio Xackal e Galboir.

En primeiro lugar, para os que non o coñecen, pode contar un pouco como comezou no mundo da música.
Levo máis de 20 anos facendo música, ben en bandas, en proxectos, ou diferentes formacións con bastantes músicos. O certo é que pouco a pouco fun pasando á electrónica. De feito, hai como dous anos estiven nun grupo e tivemos varios temas que soaron un pouquiño en radio nacional, e tamén tivemos varias mencións, pero non chegamos a tocar es directo porque nos atopábamos en cidades diferentes, polo que ese proxecto acabou caendo. E así, decidín montar Xackal porque levaba uns cinco anos preparando temas para un proxecto persoal e aí vin o momento. Fai un ano e medio volvín a Galicia e comecei a movelo en directo, tamén metín na formación a Gael.

Cales son as súas principais referencias? Considera que inflúen no seu xeito de facer música?
Eu escoito música moi variada, aínda que fale de música electrónica non é o que adoito escoitar, son máis de música dos setenta, dos oitenta, sempre escoitei música africana e, ademais, tamén estou ao día das cousas que se fan en Galicia. En canto á miña música, no fondo, eu creo que nunca deixei de facer pop o que pasa é que o vou afrontando con diferentes ambientacións e sonoridades. Para min agora tamén é moi sinxelo poñerme en contacto con músicos que me gustan, cousa que fai vinte anos era moi difícil. Un tema compartido, como este con Pahua, ao final tamén se trata de poñerse en contacto con artistas que son bastante independientes, que non son tan coñecidos, ademais, é importante que nos gusten mutuamente os nosos proxectos e que vexamos que temos unha vía de facelo xuntos. O contexto actual da moito xogo para facer xiros diferentes dentro do mesmo, ao final, creo que case toda a cultura fai pop. Ata moita da electrónica ten os recursos pop.

Experimentar, facer cousas orixinais, recorrer distintos xéneros, é parte do seu proceso. Como lle xorden as ideas? Que é o que lle inspira?
Eu arrisco bastante normalmente coa mensaxe da música de Xackal, tamén coa proposta armónica e coa ambientación sonora. Tiven tempo a sacar bastantes temas para levar tres anos, ademais de que non corresponde o tempo que levo publicando co tempo que levo creando, xa que hai moitos anos detrás de todos estes traballos. Por iso saco moitas veces singles ou EPs que son moi concretos, de feito, gustaríame máis falar de sensacións que sonoridade. Definiríame como músico de sensacións. Porque iso é o que ao final axuda a cambiar, por exemplo, teño un tema que se chama ‘Boketto’ que todo o tema é coma unha viaxe nunca barquiña. E ‘Embora’ é un tema que ten un toque tropical, é dicir, crea esa sensación e é por iso que cambio de xénero, eu céntrome en como ten que ser a canción en si, porque para min a canción é máis importante que o artista.

Como xorde ‘Embora’ e que significa esta canción? Fale un pouco dela.
Pois creo que ten unha mensaxe moi sinxela. Falamos de saír da cova, xa que creo que todos temos a sensación de estar nunha cova virtual. Despois da miña época en Madrid, estiven un ano no campo e saín un pouco desa atención, da rede, dese novo modelo social que, a verdade, a min non me gusta. Eu son unha persoa moi bohemia, gústame saír a calqueira hora e falar con descoñecidos, e son cousas que botas de menos. Ao final ‘Embora’ fala un pouquiño de iso cun ton ‘chill’ e sen querer molestar tampouco. Neste caso eu prefiro chamar á alegría, a tranquilidade e ao benestar, e sobre todo ao ben que executa a canción Pahua, que sempre é gustosa de escoitar. Despois, tamén quedei moi contento coas colaboracións que leva o tema, coa guitarra de Roohari que lle da toda a vida á canción, e coa percusión de Malick Mbengue.

Que viu en Pahua e na súa música para levar a cabo a colaboración?
Pahua está nun colectivo que se pode dicir que é de música electrónica-orgánica, pero é un colectivo que quizáis para o meu gusto sexa un pouco repetitivo no sentido de como se emprega a mensaxe, así coma certos estereotipos que collen os xéneros en 2023 moi rápido: sae un xénero novo e de repente todo o mundo o está facendo igual. A Pahua escoiteina con calma e descubrín unha execución incrible das cancións e unha tenrura que me molou. Eu xa a coñecía aínda que non sabía que era ela, pero estaba nun grupo mexicano que facía pop electrónico misturado con cumbia, con moito éxito, petárono un montón. Foi moita sorte, o tema levaba un ano feito e costou sacalo, pero é normal porque ela está nunha disquera mexicana e tiña moi poucas datas para o lanzamento.

 Eu céntrome en como ten que ser a canción en si, porque para min a canción é máis importante que o artista»

Como foi a experiencia? E o de ensinarlle un pouco da nosa lingua, sempre lle pareceu boa idea?
Foi moi divertido, facíaseme gracioso escoitar a súa pronunciación. Si que tiven que facerlle algunha correción, pero moi pequena, eu creo que entendeu ben a forma de cantar, ao final é unha cantante con moita preparación e o oído axuda moito no momento de falar. Ten o tema dos fonemas máis deselvolto que unha persoa que non teña o oído tan educado. Entón foi fácil.

Para rematar, podería adiantar algo de futuros proxectos?
Sacamos o próximo 23 de marzo un single que se chama 'One', vai ser o primeiro de varios temas que teñen un ‘punch’ un pouco diferente. E logo virá un EP chamado ‘Ven forte, ben forte’ no que facemos unha amalgama de xéneros, de funk, de salsa, ademais hai músicos moi potentes. Este é o primeiro disco que sacamos no que a nivel de produción e de composición xa estamos os dous, Gael e eu. É un traballo arriscado pero súper divertido.

Escoita 'Embora' en Spotify:

https://open.spotify.com/track/7sWLLymoEPup33BBbljaHk