O Festivala saca a relucir os trapos sucios da división do traballo nun obradoiro-performance

O colectivo Fiadeiro de Lupamar realizou a performance e obradoiro MANI.FESTA.ACCIÓN TÉXTIL da plusvalía non remunerada como parte do Festivala: Mulleres Creando ▶ O evento tivo lugar onte, sábado 27 de agosto, ás 11.00 horas na Praza da II República

op
photo_camera A performance-obradoiro MANI.FESTA.ACCIÓN téxtil da plusvalía non remunerada. ORALICE SILVA

A performance-obradoiro MANI.FESTA.ACCIÓN téxtil da plusvalía non remunerada do colectivo Fiadeiro de Lupamar reivindicou onte, sábado 27 de agosto, os coidados e as labores domésticas das mulleres coma un traballo, invisible e sen remunerar. Moitas mulleres foron achegándose á Praza da II República ao redor das 11.00 horas para participar nesta actividade do Festivala: Mulleres Creando.

As participantes trouxeron os trapos da súa propia cociña para resignificalos convertíndoos en soporte de expresión creativa. Posteriormente, os trapos pintados foron pendurados. Neles, podían lerse berros de empoderamento como Sen coidados non hai paraíso, Nai, suxeito político, Nin me renta nin me cotiza ou Teño o poder de mover o mundo.

op2
A performance-obradoiro MANI.FESTA.ACCIÓN téxtil da plusvalía non remunerada. ORALICE SILVA

Desde a propia organización do festival, afirman que esta é unha actividade necesaria porque "o traballo de reproducción da vida no ámbito doméstico como cociñar, limpar, procrear, coidar... absolutamente feminizado, representa un tercio da producción económica mundial, é fonte de acumulación capitalista non remunerada e socialmente desvalorizada. Sen coidados non hai vida. Os trapos da cociña son tecido social e económico". Para O Soño de Lilith, asociación feminista encargada do evento, "Festivala é moito máis que un festival ao uso... é reivindicación, é formación, é compartir espazos sororos", conclúen.