Entrevista coa escritora e xornalista

Montse Fajardo: "O machismo está tomando forza como resposta á loita feminista"

Sentamos coa escritora e xornalista Montse Fajardo para abordar temas relacionados coa violencia de xénero, se esta está cambiando nas novas xeracións ou as ferramentas máis importantes para lograr saír dunha relación de maltrato

La escritora Montse Fajardo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera La escritora Montse Fajardo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A vilagarciana Montse Fajardo publicou Invisibles no ano 2017, dentro dun proxecto colaborativo no que aspiraba a darlle voz e protagonismo a mulleres maltratadas e explicar a violencia machista desde o seu punto de vista. A súa obra tamén aborda a investigación da represión franquista nas mulleres e cantidade de malos tratos que quedaron impunes durante décadas e décadas e que agora, as familias están desexando contar.

Publicou en 2017 o libro Invisibles, sobre as historias de mulleres maltratadas. Achegáronse mulleres a vostede a falar sobre a súa experiencia tras ler o libro?
Ao principio eran sete mulleres, engadimos a octava na última edición, porque foise achegando xente a contar historias que a elas mesmas ou a persoas queridas lles pasaran. Viu a nós unha rapaza moza, que nos parecía que faltaba. Que se achegaran as mulleres foi para nós moi impactante. Ías ao instituto e había unha rapaza que te contaba que lle pasara á súa nai, ou incluso a ela. Tamén a técnica de son dun Concello, mentres eu estaba entrevistando a unha muller, achegouse ao rematar para falarme de que ela pasara por unha situación así... Era unha constante. É un problema que está moito máis extendido do que pensamos.

Se te preguntas, "estarei sendo unha muller maltratada?", probablemente a resposta sexa que sí

No libro deixa claro que o asasinato é a punta do iceberg, pero hai moito detrás. Cales son os tipos de maltrato que non identificamos de forma tan clara que o son?
Dúas das mulleres ás que entrevistei facendo Invisibles contáronme que cando lles pegaron por primeira vez, foi cando se disiparon as dúbidas. Elas levaban meses sendo menospreciadas, insultadas, obrigadas a poñer determinado tipo de roupa... Hai determinadas conductas de menosprezo que se van normalizando. Se te preguntas, "estarei sendo unha muller maltratada?", probablemente a resposta sexa que sí.

Están cambiando a formas de maltrato entre os adolescentes?
Cas novas tecnoloxías, aínda que teñen cousas boas, é moito máis fácil manter o control sobre a túa parella. Cando eu era unha moza, se alguén quería falar pola noite tiña que chamar a miña casa e que o collera meu pai, había un filtro parental. A través do móbil tes unha especie de control sobre a túa parella 24 horas ao día. Tes que ter unha individualidade e ninguén ten dereito a controlar a túa vida privada.

As novas xeracións teñen que ser conscientes de que os dereitos que teñen non son algo permanente

Están tomando conciencia sobre os malos tratos as novas xeracións?
Si, as nenas teñen moito máis claro que cousas non se poden consentir. Pero as novas xeracións teñen que ser conscientes de que os dereitos que teñen, que conquistaron as xeracións anteriores, non son algo permanente. Estes avances do feminismo están provocando respostas moi reaccionarias, o machismo está tomando forza como resposta á loita feminista. Hai que manter a loita, non se pode dar un paso atrás. A violencia machista ten moito que ver cos afectos, a persoa que te fai dano é a que queres, é moi difícil romper ese sentimento, aínda que saibas que tes que deixar de estar con esa persoa.

Moitos homes con comportamentos machistas están radicalizando a súa ideoloxía ao ver que, co avance do feminismo, están perdendo poder sobre as mulleres...
Cando ti consigues dereitos é a costa de alguén que os perde. O peso da vida familiar estaba nas mulleres, e hai algúns homes que reaccionan ante iso, non queren perder o que tiñan as xeracións anteriores. Iso significa que estamos avanzando no feminismo. A violencia machista non é unha cousa de homes contra mulleres, é de maltratadores contra o resto da sociedade. 

La escritora Montse Fajardo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A escritora Montse Fajardo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Que papel podería ter unha amiga, irmá, nai... Dunha persoa que se atopa nunha situación de maltrato?
É moi complicado. En Invisibles falo do caso de Mari Luz Posse, de Cambados, á que asasinou a súa ex parella. Unha amiga súa sentíase culpable por animala a denunciar, porque ese foi o motivo polo que a matou, e a súa irmá sentíase culpable por non ter dito nada sobre a relación. O único culpable dunha relación de matrato é sempre o maltratador, nin a víctima nin a súa familia. O que hai que facer é acompañar á victima cara a saída ao seu ritmo, axudala a ver que a persoa da que se namorou xa non existe e buscar apoio para a víctima. 

Cales son as ferramentas máis importantes para facer frente ao maltrato?
Traballar a autoestima, querernos a nós mesmas. A rede, a sororidade. Quererte ben e ter un grupo de amigas e familia que non te deixan soa, se non que están aí para axudarte, é o máis importante.

Esa autoestima é a que o maltratador intenta mermar...
Dicía unha das protagonistas de Invisibles, que tiña fillos co seu maltratador, que primeiro el a destruíu, convenceuna de que ela non valía nada. Foi facer un test psicolóxico e dixéronlle que estaba desiquilibrada. Hai que ter claro que cando saes dunha relación de maltrato podes ter unha vida perfectamente normal, o problema teno el, non ti, non tes nada en ti que fixera que te convertiras nunha muller maltratada.

Os fillos dunha relación de maltrato é moi probable que adquiran un dos dous roles

É máis complicado saír dunha relación de maltrato cando é o pai dos teus fillos, pero ao final, un maltratador nunca vai ser un bo pai...
Teñóo clarísimo, xa non só porque lle poida facer dano físico ao neno, pero tamén porque un neno non se pode criar entre berros e golpes do seu pai cara a súa nai. Os fillos dunha relación de maltrato é moi probable que adquiran un dos dous roles, poden ser vítimas de calquera tipo de violencia ou maltratadores. Hai que escoitar aos nenos, un neno de nove ou dez anos sabe o que quere e pode expresarse. A protección das criaturas está por enriba do dereito a ser pai.

Ademáis de Invisibles, unha parte da súa investigación céntrase na represión franquista das mulleres. Que tipo de dificultades atopou investigando este tema?
Maiormente son sobre o paso do tempo, é difícil atopar xente que conte en primeira persoa cousas que pasaron hai tempo. Moitas persoas pensan que é un tema do que a xente non quere falar, pero é todo o contrario. Descubrín que a maioría das familias que entrevistei estaban desexando que alguén se interesase polo que pasaron. Estaban desexando reivindicar ás mulleres da súa familia.

Queda moito por investigar sobre esta represión?
Moitísimo. Hai moitas cousas que nunca poderemos rescatar. Hai mulleres que foron raptadas, violadas, detidas... Que nunca souberemos que pasou. Matan a un home e hai certificado de defunción, pero unha violación pode quedar para sempre oculta e impune.