Mónica Ferreiro, Andrea Fernández e Jorge Casa, gañadores da Maratón Fotográfica do 8-M

A rapaza Jimena Oubiña foi a vencedora na categoría infantil ▶ A exposición das imaxes permanecerá no auditorio ata o 30 de abril
Os gañadores da Maratón Fotográfica do 8-M de Vilagarcía xunto ao alcalde, Alberto Varela, e a concelleira, Tania García. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alberto Varela foi o encargado de entregar os cheques aos gañadores. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As imaxes tomadas polos participantes na Maratón Fotográfica pola Igualdade celebrada o pasado 2 de marzo pódense admirar dende este venres e ata o 30 de abril na mostra inaugurada esta tarde polo alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Igualdade, Tania García, na sala de exposicións do Auditorio. No transcurso do acto tamén se fixo público o fallo do xurado e se entregaron os premios, que na modalidade absoluta recaeron en Mónica Ferreiro, Andrea Fernández e Jorge Casal, e que na infantil tiveron como gañadora a Jimena Oubiña.

A Maratón Fotográfica ten como finalidade invitar á cidadanía a reflexionar sobre as desigualdades de xénero a través das imaxes que os participantes deben captar ao longo da mesma xornada e que deben ilustrar as temáticas apuntadas pola organización ao principio da proba. Así, a fotografía gañadora do tema O mito de non son machista, teño nai e fillas foi a tomada pola vilagarciá Mónica Ferreiro Miguéns e que leva por título Trato igual ós dous meus fillos. A mellor imaxe que ilustrou o bloque Do que se come se cría foi Unha por mamá, outra pola avoa, da que é autora a tamén vilagarciá Andrea Fernández Maneiro, mentres que o caldense Jorge Casal Escariz foi o gañador no apartado Iguais pero diferentes coa fotografía titulada Todos podemos tirar do carro.

O tema proposto pola organización para a categoría infantil foi Feminismo non é o contrario de machismo e aquí a vencedora foi a vilagarciá de 12 anos, Jimena Oubiña Ferreiro pola fotografía que denominou O feminismo, un traballo pola igualdade.

Os premios para cada un dos gañadores da categoría de adultos foi un cheque de 200 euros, e para a vencedora na modalidade infantil, unha cámara de fotos dixital. Pero ademais, todos os nenos e nenas de 7 a 13 anos participantes no certame foron agasallados cuns libros.

Este ano participaron na maratón 24 fotógrafos afeccionados, 18 adultos e 6 nenos e nenas.