O Mercado das Flores encherá de cor o Paseo García Caamaño

O evento, que se celebrará do 28 de outubro ao 1 de novembro e está destinado a facilitar as compras para o Día dos Defuntos, contará coa participación dunha decena de postos de venta de flor solta e arranxos florais
Mercado Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Mercado Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A Concellería de Promoción Económica e as vendedoras de flores que acoden habitualmente ao mercado de Vilagarcía xa teñen todo listo para celebrar unha nova edición do Mercado das Flores que se celebra nos días previos á festividade dos Defuntos. A feira floral desenvolverase do 28 de outubro ao 1 de novembro no emprazamento habitual do paseo García de caamaño, situado nas inmediacións da Praza de Abastos. Con esta iniciativa, Concello e floristas colaboran para dinamizar a actividade comercial deste sector na época de vendas máis importante do ano e co obxectivo de facilitar a asistencia dos clientes.

O Mercado das Flores desenvolverase baixo unha gran carpa pechada que se instalará no tramo peonil do Paseo García de Caamaño situado entre a ponte de Vista Alegre e a Praza de Abastos. Un total de dez floristas exhibirán os seus produtos os días 28, 29, 30 e 31 de outubro, en horario ininterrompido de 9 da mañá a 20 da noite de, e o 1 de novembro, festivo de Todos os Santos, en horario matinal de 9 da mañá ás 14 horas.

O número de postos de venta será similar ao das últimas edicións, coa participación das floristas que venden habitualmente no mercado de Vilagarcía, máis a dalgunhas campesiñas que venden produto de colleita propia. Os postos de venta distribuiranse comodamente baixo dunha gran carpa, de modo que o produto se poida exhibir dunha forma máis atractiva e para maior confort de floristas e clientes, que contan coa facilidade de ter concentrada nun mesmo punto unha gran oferta de flores soltas, ramos, centros e outros ornamentos florais especialmente confeccionados para adornar os cemiterios o Día de Defuntos. Ademais, a carpa pechada permite o desenvolvemento da actividade independentemente das inclemencias meteorolóxicas propias desta época do ano.

A Concellería de Promoción Económica e Mercados promove a celebración do Mercado das Flores en cuxa organización colaboran as propias floristas que acoden ao mercado de Vilagarcía. As vendedoras asumen o aluguer da carpa e a vixilancia da mesma, mentres que o Concello colabora co resto da infraestrutura e a loxística necesarias: a instalación das conexións eléctricas, a colocación das bancadas de exposición, a decoración exterior e interior da carpa, a elaboración e impresión de cartaces e a difusión do evento.