'Mercachef' chega a Vilagarcía cun divertido campamento de Nadal para nenos

Con produtos comprados na Praza de abastos, os rapaces aprenderán a facer carne asada con castañas, mexillóns en escabeche ou tarta de queixo e cabaza ▶ A inscrición é gratuíta para un máximo de 25 rapaces, do 26 ao 30 de decembro

Taller de cocina. PIXABAY
photo_camera Taller de cocina. PIXABAY

A Concellería de Xuventude, que dirixe Alba Briones, vén de convocar un novo campamento de nadal que, desta volta, estará centrado na alimentación e na cociña sas. Esta é a idea central de Mercachef, que se desenvolverá entre os días 26 a 30 de decembro, de luns a venres, con dúas sedes complementarias: a segunda planta da praza de abastos (luns, mércores e venres) e os seminarios do auditorio (martes e xoves). O campamento está dirixido a rapaces de 8 a 12 anos, a inscrición é gratuíta e o prazo para anotarse abrirase o vindeiro luns. Das 25 prazas previstas, cinco reservaranse para aqueles poidan propoñer os Servizos Sociais, apostando así, unha vez máis, pola igualdade de oportunidades. O horario será de 10:00 a 13:00 horas.

Baixo a batuta do coñecido cociñeiro Rubén García, os nenos e nenas aprenderán as vantaxes da compra de proximidade e da cociña sa e, igualmente, algúns trucos para aproveitar os restos de comidas anteriores. Así, por exemplo, o menú que terán que elaborar o primeiro día será: corte de verduras e fungos de tempada, escabeche, polo ao "curry" e carne asada con castañas. O mércores, os rapaces terminarán o escabeche acompañando uns mexillóns e un peixe, farán un "pad thai" coas verduras cortadas o día an terior, e uns lagostinos; por fin, aproveitarán a carne asada que sobre o día 26 para facer un "brioche". O venres, Rubén García proporalles realizar diferentes sobremesas típicas do Nadal: torrada de caramelo e "biscote" de noces, "Suso" Nadal 2022, e torta de queixo e cabaza.

As outras dúas xornadas, martes e xoves, os participantes no campamento farán sendas actividades tamén moi amenas e relacionadas coa alimentación sa e sustentable. Así, o martes farán unha "busca do tesouro na procura da alimentación perdida" (lectura de etiquetas, normas de hixiene e manipulación dos alimentos, etcétera) e o xoves, un obradoiro de cociña creativa, con ingredientes que eles mesmos terán que adquirir na praza.

As bases poden ser consultadas na web do Concello e na sede electrónica. A inscrición, sen embargo, non se abrirá ata o vindeiro luns, día 21.