Gramola Gominola, marionetas e contos para despedir 'Vilagarcía, Cidade de Libro'

▶ A segunda edición da feira chega á súa fin este domingo tras sete días de actividades ▶ Abrirá ás 11.00 horas e contará cun pasarrúas e espectáculos urbáns para todos os públicos
Público infantil durante unha das xornadas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Público infantil durante unha das xornadas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Sete días despois, Vilagarcía, Cidade de Libro chega este domingo á súa fin cunha xornada repleta de animación, e que terá o seu prato forte coa actuación de Gramola Gominola, que ofrecerá o concerto Bravas, o rexurdir da luz a partir das 20.00 horas no escenario principal da Praza da Segunda República. A actuación, ao ritmo de rock&roll aborda diferentes temáticas que afectan ás cativas e cativos, coma o xeito de enfrontarse ao abuso escolar, a defensa da lingua, a protección da natureza e a visibilización das emocións.

Coma nas xornadas anteriores, a feira abrirá ás 11.00 horas coas casetas de venda de libros e tamén co inicio do pasarrúas que percorrerá o centro da cidade para animar o ambiente, cun espectáculo de danza sobre zancos, teatro e improvisación.

Aínda que o concerto que pechará a xornada será a última hora da tarde, o escenario habilitado no parque Miguel Hernández acollerá actividades a partir das 12.00 horas, que inaugurará o espectáculo O Cachimóbil: a cabeza do dragón, unha adaptación para marionetas da famosa obra de Ramón María del Valle Inclán, e que desenvolverá a Compañía Cachirulo pensando no público familiar.

Pola tarde, no espazo titulado O Recuncho dos Contos, a actividade regresará ao Miguel Hernández a partir das 19.00 horas con Travesías: aventuras de libro, un espectáculo deseñado por Raquel Queizás para contar contos que transmiten valores de igualdade, respecto e convivencia entre nenos e nenas, e entre mulleres e homes.