María de la O Fernández única candidata á alcaldía nas primarias de Podemos Vilagarcía

A actual concelleira da formación encabeza unha lista na que a acompañan Verónica Hermida no número 2 e Pedro Falcón no número 3
 
María de la O Fernández González. PODEMOS-MARÍA DA VILA
photo_camera María de la O Fernández González. PODEMOS-MARÍA DA VILA

Podemos Vilagarcía confirmou a María de la O Fernández como única candidata á alcaldía nas próximas eleccións municipais. As votacións neste proceso produciranse entre o 28 de outubro e o 3 de novembro e os resultados definitivos coñeceranse o 4 de novembro.

A candidatura Marea da Vila, encabezada por María de la O Fernández González, confírmase como a única que se presenta ás primarias de Podemos Vilagarcía. A actual concelleira de Podemos preséntase xunto a un equipo no que o segundo posto ocúpao outra muller, Verónica Hermida, actual voceira de Podemos Galicia e militante de Podemos dende 2014. O terceiro lugar da candidatura é para o tamén voceiro, Pedro Falcón

Con dúas mulleres nos primeiros lugares da candidatura, María de la O Fernández afirma que “continuamos a ser o proxecto que a nivel local aposta máis claramente polas mulleres”. Ademais, como xa pasou fai 4 anos, a candidatura inclúe un bo número de xente nova, “posto que”, segundo a candidata, “este é un proxecto con moito percorrido por diante e con futuro”. Na mesma se inclúen caras coñecidas de Podemos a nivel local como Juan Manuel Da Silva, primeiro secretario que tivo Podemos en Vilagarcía, ou novas incorporacións como é o caso de María Mollineda.

Afirma María de la O Fernández, que “esta é unha lista de xente comprometida con Podemos a nivel local, pero se incorporarán outras persoas de aquí a maio”, posto que, continúa a voceira, “xa fai unhas semanas comezamos unha rolda de contactos que intensificaremos nos próximos meses co fin de que este proxecto, cuxa base é o traballo de todos outros anos, precisa seguir medrando co fin de incorporar ideas, propostas, intelexencia colectiva e persoas que queiran sumar para acadar unha Vilagarcía mellor”.