María de la O Fernández traballará para que poida visitarse o Pazo de Vista Alegre

Podemos-Marea de Vila celebrou o Día das Letras Galegas cun percorrido literario polo patrimonio de Vilagarcía
María de la O Fernández González. PODEMOS-MARÍA DA VILA
photo_camera María de la O Fernández González. PODEMOS-MARÍA DA VILA

Podemos-Marea da Vila celebrou un acto conmemorativo con motivo do Día das Letras Galegas. A formación fixo un percorrido cultural e poético por Vilagarcía para poñer en valor o patrimonio que é a nosa lingua. 

Durante o transcurso dunha ruta cultural por Vilagarcía, na que visitaron o Castro Alobre, o Pazo de Vista Alegre, A Praza de Independencia e o Miguel Hernández, a candidata á alcaldía de Podemos-Marea da Vila, María de la O Fernández apostou polo “mantemento e a posta en valor do patrimonio cultural de Vilagarcía”. A candidatura encabezada por Fernández propuxo “a creación de rutas polos elementos patrimoniais sinalizadas con códigos QR que amplíen información e como forma de vertebrar os itinerarios” e sinalou o difícil acceso á información relevante sobre o patrimonio cultural a través das administracións “dado que a maioría se atopa grazas a iniciativa e labor de particulares”.

Para poñer en marcha estas rutas, María de la O Fernández propón “a elaboración dun inventario do patrimonio natural e cultural de Vilagarcía, especialmente o das zonas rurais e a elaboración dun plan de promoción do mesmo”. Ademais, a candidata reivindicou “o carácter público do noso patrimonio, e reivindicou a apertura do Pazo de Vista Alegre para a realización de visitas segundo a súa condición de BIC (Ben de Interese Cultural). Fernández comprometeuse a “explorar tódalas vías para que isto sexa posible”.

Ademais de expoñer a importancia dos lugares visitados, durante a ruta tamén se leron poemas de poetas galegas. A candidata á alcaldía expuxo que “dende o Concello débense poñer políticas activas para defendela” e propuxo o incremento dos recursos orzamentarios e humanos do departamento de normalización lingüística, para potenciar a promoción de galego e a avaliación da eficacia das políticas aplicadas. “A nosa lingua é parte fundamental do noso patrimonio e, como tal cómpre coidala”, concluíu María de la O Fernández.