María de la O Fernández: “Correspóndelle á Xunta a resolver a situación do aparcadoiro do Hospital do Salnés”

Podemos propón que o Concello de Vilagarcía e a Mancomunidade soliciten que a Xunta "asuma as súas responsabilidades garantindo un número de prazas suficiente e a gratuidade do aparcamento"
O Hospital do Salnés, en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O Hospital do Salnés, en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Podemos vén de esixir unha solución "estable" á situación do aparcadoiro do Hospital do Salnés, e considera que é a Xunta a que debe asumir esta responsabilidade, polo que pide que Concello de Vilagarcía e Mancomunidade esixan á administración autonómica que se poña mans á obra.

“Correspóndelle á Xunta a resolver a situación do aparcadoiro do Hospital do Salnés de maneira definitiva”, indica María de la O Fernández, quen considera que “é a administración autonómica a que debe garantir as estruturas para o desenvolvemento da atención sanitaria”.

Podemos formula esta proposta debido á situación de prórroga do espazo de estacionamento actual e pon exemplos doutros casos como os proxectos do hospital de Coruña ou Montecelo, ou que o mesmo Alfonso Rueda “abriu a porta” á construción dun novo aparcamento para o Hospital Clínico de Santiago. Iso si, Podemos asevera que “en todo caso o aparcamento debe ser un servizo gratuíto e afea que as administracións pretendan facer negocio de servizos fundamentais para o correcto funcionamento do sistema de saúde”.

Ademais, María de la O Fernández avoga por que “o transporte público ao hospital sexa unha alternativa accesible e a disposición de todas as persoas da área de influencia do hospital” polo que cre que a mancomunidade debería poñer tamén unha proposta sobre a mesa que inclúa “frecuencias suficientes e prezos económicos, ademais de campañas de información, para promover o seu uso por parte da poboación”