Marea da Vila insta a Ravella a clarificar unha solución polo derrube no Castriño

A formación considera que calquera intervención no Valdés Bermejo, O Castriño, pasa polo inmediato arranxo desta zona ▶ María de la O Fernández González: “Por moitos discursos que faga a portavoz do PSOE, a realidade é que as distintas zonas que compoñen O Castriño presentan un grave deterioro respecto a 8 anos atrás”

Parque O Castriño. CEDIDA
photo_camera Parque O Castriño. CEDIDA

Podemos-Marea da Vila rexistrará unhas preguntas ao Goberno Local sobre a zona valada no Castriño por mor dun derrube acontecido en marzo de 2020. A formación sinala que preguntou reiteradas veces por esta situación sen que o Goberno Local achegue unha solución definitiva.

O grupo parlamentario insiste en preguntar ao PSOE que vai facer coa zona que foi obxecto dun derrube en O Castriño. A concelleira da formación, María de la O Fernández, indica que “a pesar de tratarse o tema durante o pasado pleno, o Goberno Local non explicou cal vai ser a solución que se aplique”, algo que, advirte, “vén sendo a tónica a pesar das recorrentes preguntas pola nosa banda”. A concelleira recorda que Ravella xa ten unha proposta sobre a mesa que é a aportada por Enmacosa tras un estudio xeotécnico contratado polo Concello e esixe que o PSOE aclare se vai realizar o muro recomendado ou vai optar por algunha alternativa.

María de la O Fernández considera que “por moitos discursos que faga a portavoz do PSOE, a realidade é que as distintas zonas que compoñen O Castriño presentan un grave deterioro respecto a 8 anos atrás”, e considera que “a reflexión da voceira sobre se é un parque ou non, só trata de ocultar o desleixo e a falta de coidados por parte deste goberno”.

A formación lamenta que zonas con fontes como as da Praza de Galicia reteñan tanto tempo ao persoal municipal, e pregúntase “que vai pasar cando a esta se lle sumen as innumerables fontes de Arcebispo Lago co resto de zonas verdes de Vilagarcía xa agora descoidadas para manter limpo o centro e as obras realizadas por este goberno, ás que sen dúbida se lles está a dar preferencia”. 

Finaliza María de la O Fernández sinalando que “nós si temos claro que é o Valdés Bermejo, O Castriño, para Vilagarcía e o que supón contar cun conxunto paisaxístico destas características, cun valor ambiental, cultural e pedagóxico que require dun proxecto baseado no coidado da natureza, na vindicación da identidade e dunha aposta pola formación”.