A Festa dos Maios despide o inverno no Salnés

As creacións mesturaron tradición e innovación para encher as prazas de cor neste primeiro de maio

 A comarca do Salnés estreou o mes de maio coa súa particular despedida do inverno co seu encontro dos Maios en Vilagarcía de Arousa, que se celebrou na Praza da II República e no que participaron preto de 200 persoas.

As creacións deste ano foron diversas, dende os tradicionais maios con forma cónica, ata elementos como cruceiros, réplicas de edificacións, maquetas de embarcacións e representacións de coñecidos personaxes de debuxos animados. Esta benvida da
primavera estivo protagonizada polos máis pequenos da casa que recitaron as súas coplas cargadas de ledicia e bo humor.

A Festa dos Maios fixo as delicias de nenos e maiores en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A Festa dos Maios fixo as delicias de nenos e maiores en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Sanxenxo saca os seus maios á rúa

Por outra banda, o Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo tamén quixo ser fiel á cita coa tradición galega e organizou o seu particular certame de Maios, no que participou a Asociación Cultural Mar de Fondo de Portonovo, que fixo soar as súas coplas na Praza de Pascual Veiga de Sanxenxo pola mañá e nas instalacións do club pola tarde. Primeiro actuaron os  maiores, que se estrearon nos Maios, xa que ata agora só os nenos eran os protagonistas destas artes florais e dos seus cánticos. O Maio Infantil saltou logo á acción.

 

Na entrega de premios, que tivo lugar a media tarde, participaron a concelleira de Cultura do Concello de Sanxenxo, Paz Lago, e o presidente da Cultural, Francisco Hernández.