Maica Larriba anima a aproveitar a derradeira semana de prazo para solicitar o Bono Cultural

A subdelegada presentou na oficina de Correos de Vilagarcía as novidades do programa
(_LO_0961.JPG)  Salnes Maica Larriba presenta as novidades do Bono Cultural Xove Oficina de Correos Vilagarcia de Arousa
photo_camera Maica Larriba na súa vistia a oficina de Correos de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, desprazouse esta mañá á oficina de Correos de Vilagarcía onde presentou as novidades do programa do Bono Cultural Joven, acompañada pola xefa do sector de oficinas, Margarita Señoráns, así como pola tenente de alcalde de Vilagarcía, Tania García, e pola concelleira de Cultura, Sonia Outón. A subdelegada informou de que o 45% dos preto de 8.600 mozos e mozas da provincia que optan ao bono xa o solicitaron. Non obstante, recalcou que “os que aínda non o pediron teñen por diante varias xornadas para facelo, acercándose, por exemplo, a esta oficina de Correos ou a calquera outra que teñan a man”. Nesta liña explicou que a colaboración de Correos non se circunscribe unicamente á solicitude do bono, senón tamén á súa xestión e pago. Existen para iso dous sistemas; a tarxeta virtual que se envía ao móbil do solicitante, ou a tarxeta física.

Larriba animou a todos os mozos e mozas da provincia de Pontevedra que este ano cumpren os 18 anos a solicitar o Bono ao que teñen dereito de maneira directa para beneficiarse de 400 euros para destinar a produtos culturais. A subdelegada lembrou que o Ministerio de Cultura e Deporte prorrogou o prazo de solicitude ata o vindeiro luns, 31 de outubro, polo que resta unha semana para poder facelo. Así mesmo e como novidade, habilitouse a posibilidade de pedilo de maneira presencial en calquera oficina de Correos.

“Co Bono Cultural”, sinalou a subdelegada, “o Goberno impulsa o acceso á cultura dos mozos á vez que dinamiza o noso sector cultural”. A axuda directa de 400 euros repártese en 200 para entradas e abonos, artes escénicas, música en directo, cine, museos, bibliotecas, festivais escénicos, musicais, etc. 100 euros son para a adquisición de libros, revistas, prensa ou outras publicacións periódicas, así como para videoxogos, discos, etc.

Os 100 euros restantes van dirixidos a subscricións a plataformas musicais, audiovisuais, prensa ou videoxogos en liña, entre outros servizos culturais online. Maica Larriba valorou que o Goberno contemplase nos Orzamentos Xerais do Estado para 2023 unha partida para volver lanzar esta iniciativa para todas e todos os que cumpran 18 o ano que vén. 

Solicitudes
Os beneficiarios da axuda deberán entrar na páxina web do bono. Ao acceder ao rexistro, terán a opción de solicitar o Bono a través de Correos, mediante un formulario que terán que  cumprimentar, asinar, imprimir e presentar en calquera oficina de Correos xunto co seu Documento Oficial de Identidade (DNI, NIE ou Tarxeta de Residencia).
Unha vez presentada a solicitude na oficina de Correos e cotexados os datos persoais, Correos trasladará esas solicitudes ao Ministerio de Cultura e Deporte para a súa resolución. Cada unha destas solicitudes será despois revisada e sometida ao proceso de control individualizado de subvencións da Administración Xeral do Estado. Así, todos os mozos que soliciten esta axuda terán un ano para facer uso da tarxeta desde a data de concesión do Bono Cultural Mozo.