Madrileños e portugueses, os veraneantes maioritarios en Vilagarcía

A oficina municipal de Información Turística atendeu do 1 de xuño ao 30 de setembro a 13.358 persoas, recuperando as cifras pre pandémicas
Os puntos limpos percorrerán as rúas de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Paseo marítimo Vilagarcía-Carril. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os turistas procedentes de Madrid, no eido nacional, e de Portugal, no internacional, foron os que tiveron maior presenza en Vilagarcía durante o verán de 2022. Así se desprende das estatísticas elaboradas pola Oficina Municipal de Turismo de Vilagarcía durante o período comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. A memoria recolle que neses catro meses pasaron polas dependencias municipais 13.358 persoas, unha cifra similar á rexistrada no ano 2019, o que demostra a absoluta recuperación da actividade turística tras os anos da pandemia.

O perfil tipo da persoa que visita Vilagarcía en verán repítese practicamente en relación aos anos anteriores, coa única diferenza de que se incrementou o peso do turismo nacional respecto ao internacional. Así, os visitantes máis numerosos son os que proceden do territorio nacional (o 58,8%), seguidos dos galegos (36,4%) e dos estranxeiros (4,7%).

No apartado de turismo nacional destaca a presenza de turistas madrileños (22,8%), seguidos dos que chegaron de Castela León (18,2%), Andalucía (9,4%), Asturias (8,5%), Valencia (8%), País Vasco (7,3%) e Cataluña (6%). En menores porcentaxes tamén pasaron polas dependencias da Peixería persoas procedentes de Estremadura (4%), Illas Canarias (3,7%), Castel a La Mancha (3,3%) ou Cantabria (3%), entre outras comunidades.

O turismo interno, o galego, tamén mantivo un bo comportamento este verán, sendo maioría os visitantes procedentes de municipios da propia provincia de Pontevedra (73,8%), seguidos dos da Coruña a (22,7%), Ourense (2,14%) e por último, de Lugo (1,3%). Cómpre salientar que tamén os propios vilagarciáns recorren ao servizo de información municipal para solicitar información interna, de actividades e lugares que visitar en Vilagarcía, e tamén dos municipios da contorna. Durante os meses de verán, o persoal da oficina Municipal de Turismo atendeu a 2.840 habitantes da cidade.

A maioría dos visitantes galegos proceden de municipios da propia provincia

No apartado de turismo estranxeiro, os máis numerosos foron os que procedían de Portugal (21,6%) seguidos dos de Francia (20%), Gran Bretaña (13,7) e Alemaña (10,5%). Tamén se recibiron turistas chegados de Italia (5,6%), Arxentina (4,2%) e Estados Unidos (4%), seguidos dos que viñan dos Países Baixos (3 %) e Uruguai (2,3%). Procedentes de Suíza, Bélxica, Dinamarca, Irlanda e Perú pasaron este verán por Vilagarcía entre o1 e o 2% dos turistas recibidos, rexistrándose tamén por debaixo destas porcentaxes a presenza de visitantes de Croacia, Polonia, República Checa, Estonia, Ucraína, Finlandia, Noruega, Australia, Brasil, Canadá, México, Chile, China, Corea del sur, Xapón e India.

O 75,36% dos visitantes que veñen a Vilagarcía dedican unha xornada a coñecer a cidade, tomándoa como base para visitar a contorna ou punto de paso. E o 45 % deles manifesta a firme intención de volver a elixir Vilagarcía como destino para as vindeiras vacacións.

En relación ao tipo de aloxamento escollido, o 40% opta polo apartamento turístico, o 22% por hoteis, o 12% ten segunda residencia en Vilagarcía e o 11% pernoita na casa de familiares ou amigos. O 6,7% utiliza o parque de autocaravanas de Fexdega, e case o 5% ven e alóxase na súa propia embarcación. Por último, escollen como aloxamento o cámping un 2,4% dos turistas, e en menores porcentaxes tamén houbo visitantes que se decantaron polo apartahotel, casas rurais, residencias ou pensións.

O 40% dos visitantes optan polo apartamento turístico para aloxarse

Con respecto ao medio de transporte no que chegan, o 43,7% viaxa en coche, o 43% en autobús, o 3% utiliza o tren, o 2% o avión e o 1,8% a autocaravana.