Semana da Muller en Vilagarcía

Lupe Blanco, regueifeira: "As mulleres temos moito que dicir"

Vilagarcía acolle a Semana da Muller e Lupe Blanco é unha das regueifeiras que se ocupará de amenizar e ensinar ás mulleres a arte da regueifa para que digan "o que queiran sen medo"
Lupe Blanco, durante unha actuación. DP
photo_camera Lupe Blanco, durante unha actuación. DP

Lupe Blanco é un dos nomes fundamentais para entender o panorama actual da improvisación oral en Galicia. Esta muller, nacida en Bergantiños, goza dun importante percorrido ás súas costas (dende o 2016) e unha implicación total coa arte das disputas dialécticas improvisadas. Ademais é unha das responsables de amenizar a Semana da Muller de Vilagacía que pretende, este ano, visibilizar ás mulleres do panorama poético do pasado e do presente e empoderalas desde a poesía.

Que espera vostede que suceda na Semana da Muller?

Espero que todas as actividades que se van facer sexan acollidas por parte de todo o mundo. Creo que todas as actividades que se están argallando na Semana da Muller en Vilagarcía son interesantes para traballar, un pouco, entre todas e unirnos.

Por que cree que se escolleu este ano o tema da poesía?

A poesía lévanos tamén a desenvolver un pouquiño a imaxinación e, a hora  de compoñer as nosas poesías, é unha forma de achegar sentimentos que a xente non chega a expresar habitualmente de maneira moi común. A través da poesía penso que se poden tocar moitos sentimentos. As mulleres temos moito que contar e, sobre todo, esa unión entre todas vainos dar lugar ao espectáculo que se vai producir en Vilagarcía. Esa exposición de poesía e patchword poético creo que vai ser bastante interesante para  facer ver a unión entre todas as poesías creadas para logo chegar a crear unha soa. O que se pretende facer neste evento, ao final, é que entre todas, unidas, construamos unha poesía. 

Aínda pode haber xente que non saiba que é exactamente unha regueifa. Como é o traballo dunha regueifa?

A regueifa é un xénero de improvisación oral en verso. Nós o que facemos é cantar, pero sempre de xeito espontáneo. Ten moito que ver coa poesía xa que nós o que facemos son coplas de catro versos, octosílabos onde sempre riman o segundo verso e o cuarto e, a regueifa, o que pretende, é construír e falar de diferentes temas. As mulleres nunca puideron ser regueifas noutras épocas. Publicamente estaba mal visto e, agora, que si que podemos selo pois é unha oportunidade para contar moitas cousas. Temos moito que dicir. A regueifa ten esa retranca, intenta quitar sempre unha gracia de todo o que se vai cantando, e vai moi unido tamén á poesía.

No seu caso, ten algunha forma de preparar o seu traballo?

Si, dependendo do evento ao que se prepare, a regueifa vai ligada a cada acto concreto. Neste caso, irá polo tema da poesía e o traballo das mulleres a través do departamento de Igualdade. O que se fai é un pequeno traballo de campo sobre o obxectivo do evento e de aí pasamos a ter unhas ideas claras para logo poder improvisar. Por iso é moi importante coñecer o tema  previamente.  Tamén, podemos cantar sobre cousas que estamos vendo nese momento e que ocorren no directo e, desas cousas son coas que, normalmente, regueifamos.

Cómpre talento natural para realizar a improvisación?

Eu realizo obradoiros no ámbito escolar e sempre lles digo aos rapaces e rapazas que teñen que ser botados para adiante. Non podes ter medo escénico á hora de cantar en público. Ademais, é unha cousa que se practica. Creo que todo o mundo ten un pequeno talento para ser regueifeiro realmente. Sempre temos algo que dicir e, á hora de regueifar, hai unha serie de trucos ou certas maneiras. Esas bases que dou nos talleres axudan a que a xente poida practicar a regueifa e que se poida facer en calquera contexto. Nós o que vemos nestes obradoiros é que, nun primeiro momento, os rapaces pensan que non son capaces, pero logo de 20 minutos xa son quen de escribir as copla  e logo, incluso bótanse a improvisar. Que a xente, nun obradoiro que dura 90 minutos sexa capaz de improvisar é o que máis me chama a atención e por iso creo que ese talento se practica.

De onde vén a tradición da regueifa?

A tradición da regueifa vén da zona de Bergantiños. O xénero cantábase nas vodas, tradicionalmente e, sempre eran os homes os que comezaban a cantar coplas sobre o que estaban vendo nesa celebración e procuraban facer grazas sobre os invitados, sobre a comida ou coas diferentes cousas que ían ocorrendo. Logo xa se empezou a levar ás tabernas. Ao principio sempre o facían os homes. A Asociación Oral de Galicia, que está en Valadares, en Vigo, gustoulles moito esa tradición e quixérona manter. En Bergantiños, os regueifeiros foron falecendo e foi un xénero que comezou a desaparecer, pero a día de hoxe podemos falar de que a regueifa está espallada por toda Galicia. Hai que destacar que antes existían máis xéneros de improvisación en distintas zonas, pero con nome diferente. Grazas aos obradoiros que facemos sobre a regueifa e de transmitir coa rapazada a tradición, a día de hoxe, a regueifa está espallada por Galicia.

Grazas a estas actividades e aos obradoiros pensades que se vai concienciar máis ás mulleres para que fagan regueifas?

Iso é o que se pretende. Queremos que as mulleres collan forza para dicir todo o que queiran. Que se animen con ese xénero que estaba reservado para os homes. Nos tempos de antes, as mulleres sabían regueifar, pero sempre o facían de portas para adentro das súas casas. Non estaba ben visto que unha muller dera a súa opinión ou que tivera unha controversia cun home e, a día de hoxe, é moi necesario que as mulleres tamén alcemos a voz, e digamos as cousas regueifando. Ás veces cando se din as cousas cantando, como neste caso, coa regueifa,  parece que a xente presta máis atención e é fundamental que as mulleres se boten ao tema da regueifa xa que elas teñen unha opinión fundamental que hai que escoitar.e se divirtan e poidan opinar ou falar dun tema  sin que ningúen lle diga que non vale para iso. A muller tense que empoderar e dicir as cousas sen medo.