López apela á importancia da colaboración entre a Deputación e entidades como Autismo Bata

O presidente provincial, acompañado pola deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, coñeceu o labor e as necesidades desta entidade nunha visita á súa sede de Vilagarcía
Imaxe do encontro entre Luis López e Sandra Bastos coa Asociación Bata de VIlagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Imaxe do encontro entre Luis López e Sandra Bastos coa Asociación Bata de VIlagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou o recoñecemento da Deputación ao labor pola inclusión social das persoas que presentan algún tipo de trastorno do espectro autista (TEA) que realizan os profesionais da Asociación Autismo Bata durante unha visita este luns á sede desta entidade en Vilagarcía. Acompañado pola deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, o mandatario provincial reafirmou o apoio do goberno provincial ás iniciativas que esta entidade ten en marcha como o programa de apoio en contextos naturais dirixido a persoas no espectro do autismo, as súas familias e aos centros educativos. Un proxecto do que se benefician preto de 65 usuarios de xeito directo, así como as persoas do seu círculo, en todo o territorio da provincia. 

Despois de percorrer as instalacións desta asociación en Vilagarcía e escoitar as explicacións sobre o traballo que realizan nestas aulas e as necesidades que presenta a entidade e os seus usuarios, o líder provincial deixou clara a vontade da Deputación de manter a colaboración coa Asociación Autismo Bata en todo o que sexa posible para que continúen ofrecendo un servizo que mellora non só a calidade de vida das persoas con trastorno do espectro autista, senón que tamén favorece a súa integración na sociedade e mesmo facilita a conciliación da vida familiar e laboral dos seus familiares.

Neste sentido, Luis López puxo en valor a importancia deste colectivo fundado no ano 1989 como unha “ponte” imprescindible para conectar ás persoas, neste caso TEA, cos recursos que ofrecen as distintas Administracións. Unha colaboración que presta a Deputación a entidades como Bata para contribuír a integración dos seus usuarios na sociedade e a poñer a súa disposición o servizo especializado e de calidade que requiren estas persoas e os seus familiares.

É por iso que Luis López quixo darlles os parabéns e expresar o agradecemento do goberno provincial polo seu labor a todas as persoas que dan forma ao colectivo Autismo Bata. Do mesmo xeito, reiterou o compromiso da Deputación para manter a colaboración nas súas iniciativas.