Liberad al Kraken, gañadores do Concurso Ameixa Rock para Bandas Emerxentes

A banda pontevedresa resultou gañadora do concurso organizado polo Ameixa Rock de Carril e compartirá escenario con Miguel Costas e Ruxe Ruxe o 3 de setembro
A banda Liberad al Kraken. DP
photo_camera A banda Liberad al Kraken. DP

A quinta edición do Concurso Ameixa Rock para Bandas Emerxentes rematou e os pontevedreses Liberad al Kraken resultaron gañadores, cunha aposta forte que pode resumirse nunha mistura de punk e metal con toques de folk e electrónica. Como banda triunfadora, tocarán no Ameixa Rock, o festival de balde organizado o 2 e 3 de setembro en Carril, Vilagarcía de Arousa. O seu turno será o sábado 3 acompañados de dous grandes do panorama musical galego, Miguel Costas e Ruxe Ruxe.

Liberad al Kraken foi formada en 2018, ano no que sacou o seu disco, LaK. Tamén contan con dous EPs, 3 y m3d10 que veu a luz no 2021 e Pi, que sacaron este ano. Tamén contan cunha variedade de sinxelos. A temática da súas cancións céntrase en temas políticos e sociais. Son letras orientadas á protesta con elementos de retranca.

O obxetivo principal do concurso é potenciar e promocionar grupos emerxentes e darlles unha oportunidade de poder compartir escenario con artistas consolidados e poder darse a coñecer. Dentro das bases da convocatoria, poderán participar grupos ou solistas residentes en España e enviar dous temas á organización que deberá ser material orixinal. Son aceptados únicamente traballos cos estilos indie, rock e pop e de músicos que conten cun repertorio de 40 minutos de actuación. Os gañadores obtiveron, ademais da oportunidade de participar no festival, un premio en metálico de 300€.

Esta edición do Ameixa Rock encherá Carril de música e diversión durante dous días. O venres 2 terá lugar o Carnaval Rock na Praia da Covacha coa Duendeneta. O sábado 3 haberá visitas guiadas a Illa de Cortegada, sesión vermú e animación para os máis pequenos. Os concertos comezarán a partires das 22:30. Do 29 de Agosto ao 5 de Setembro haberá tamén unha exposición no Gato Negro por mor dos dez anos que cumpre o Ameixa Rock, chamada “10 Anos de Rock”.