Lanza pedras contra un bar, resulta agredida e deteñen a súa exparella

Outro individuo chamou á Policía Local advertindo de que el mesmo estaba incumprindo unha orde de afastamento e terminou fuxindo polo monte
Coches da Policía Local de Vilagarcía. DP
photo_camera Coches da Policía Local de Vilagarcía. DP

As policías Local e Nacional tiveron que intervir o pasado sábado nun incidente nun café-bar da zona de ocio do porto deportivo que se saldou con desfeitas no local, unha muller ferida e a detención da exparella da anterior, por incumprimento dunha orde de afastamento.

Os feitos ocorreron arredor das 9 da mañá. Nese momento, a muller, M.F.O.G, nada en Cuba e con residencia no Carril, entrou nun coñecido café-bar solicitando que lle serviran unha copa. Como queira que a camareira do establecemento se negou, alegando que xa estaba pechado, M.F., con signos evidentes de estar baixo os efectos de bebidas alcohólicas e outras substancias, comezou a agredir á traballadora, tendo que intervir o dono do local, que chamou á policía. Mentres tanto, a muller comezou a tirar pedras e outros obxectos contra o local, xunto con outra persoa tamén identificada, C.F.J., producindo varios danos. Foi entón cando a muller se enfrontou a un home que a acompañaba, M.T.R, tamén de orixe cubana e residente no mesmo domicilio que M.F., no Carril.

Cando as policías fixeron acto de presenza, a muller tiña un hematoma nun ollo. Identificados todos os protagonistas do altercado, púidose comprobar que M.T.R. tiña unha orde de afastamento da propia M.F., ditada por un xulgado do penal de Vigo hai apenas un mes. A muller precisou de atención médica e denunciou ao dono do local e á camareira como presuntos autores da agresión sufrida, mentres que estes manifestaron que foi precisamente quen parecía ser a súa parella, M.T.R, o autor da agresión. A presenza de cámaras na zona poderá aclarar o caso, pero, polo pronto, a Policía Nacional procedeu á detención de M.T.R. por incumprimento da orde de afastamento.

Autoinculpación e fuxida

Por outra banda, no día de onte, domingo, a Policía Local tamén tivo que intervir noutro caso relacionado con violencia de xénero, neste caso en Cea. Todo comezou cunha chamada de teléfono do 112 no que un varón comunicaba que el mesmo estaba quebrantando unha orde de afastamento para, acto seguido, colgar sen identificarse. Os axentes, conscientes de que onde se fixera a chamada había unha vítima de malos tratos, se presentaron no lugar. Tras entrevistarse coa muller, esta negou que a súa ex parella se atopara na vivenda. Ao indicarlle o feito da chamada, chegou a dicir que podería deberse a un brote psicótico da súa ex parella, pero insistiu en que non se encontraba alí.

Cando se lle demostrou que, pola triangulación do teléfono, sabían que a chamada se fixera dende a casa, ela reiterou que a súa exparella, N.E.K, de nacionalidade marroquí, non estaba alí, que o teléfono tíñao ela e que a súa exparella regresara ao seu país de orixe. Cando se lle dixo que a voz da chamada era dun varón e se lle insistiu en que polo seu ben e o da súa filla debía de colaborar, a muller pediu a N.E.K. que saíra de tras unha porta e que se entregara. Este, ao que se lle escoitou falar, saíu por unhas escaleiras que dan a un semisoto que, a súa vez, ten unha saída cara a parte posterior da vivenda. Iniciada unha persecución, de noite e con lanternas e por diversas fincas, ao final se lle perdeu a pista pola zona de monte da parroquia de Cea.