Os investimentos previstos pola Xunta ascenden a 60,4 millóns en Vilagarcía

Como prioritarios situaronse os traballos no novo centro de saúde, a ampliación da unidade de esterilización do Hospital do Salnés ou a mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais
Luis López en Vilagarcía. DS
photo_camera Comisión de Coordinación de marzo celebrada en Vilagarcía. DS

O delegado da Xunta, Luis López, anunciou este luns que o Goberno galego está a executar, ou activará, investimentos por alomenos 60,4 millóns de euros nos vindeiros doce meses en Vilagarcía, segundo se analizou na sesión de marzo da Comisión de Coordinación, celebrada nesta localidade.

Programáronse, como investimentos inminentes, o comezo das obras do novo centro de saúde, a ampliación da unidade esterilización do Hospital do Salnés, a rede de saneamento, a modernización e ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais.

Tamén figuran as obras en marcha en seis centros educativos públicos, o proxecto para a reforma do novo CIFP Fontecarmoa, a ampliación do Centro Princesa Letizia, os investimentos no eido turístico e na mellora e ampliación e modernización de infraestruturas portuarias e pesqueiras. 

A actuación inclúe o acondicionamento de pistas, as accións medioambientais ou a aportación para a ampliación do pavillón de Fontecarmoa. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén proxecta melloras na PO-548 e na reparación de beirarrúas na estrada cara Vilanova e avanza na tramitación para a creación dun aparcadoiro disuasorio e a construción dunha senda peonil en Carril. "Somos, de longo e con moitísima diferenza, a administración pública que máis inviste nesta terceira cidade da provincia", subliñou Luis López.