O 'Hamelin' de Juan Mayorga aterra en Vilagarcía

O Auditorio municipal acollerá, o vindeiro sábado 6 de abril, a representación do texto dramático co que o autor obtivo o Premio Nacional de Teatro 2005 e o Premio Max en 2006
Obra 'Hamelín' de Redrum Teatro. CEDIDA
photo_camera Obra 'Hamelín' de Redrum Teatro. CEDIDA

O escenario do Auditorio Municipal vístese de gala o sábado, 6 de abril, para acoller a representación da obra coa que Juan Mayorga, Premio Princesa de Asturias en 2022, obtivo en 2005 o Premio Nacional de Teatro e o Premio Max en 2006. Trátase de "Hamelín", unha versión áspera do conto popular coa que o autor aborda a temática da pederastia dun xeito moi sutil, pero cheo de verdade. A compañía Redrum Teatro é encargada da posta en escena que se poderá presenciar a partir das 20.00 horas.

O Hamelín de Mayorga é un drama para público adulto de 90 minutos de duración. Neste texto, o autor afronta o tema da pederastia cunha linguaxe que evita o soez, e con escenas cheas de elipses, onde as cousas quedan aludidas, onde o espectador debe poñer da súa parte para interpretar, para imaxinar, para encher silencios que agochan grandes verdades. Mayorga busca un espectador activo, que imaxine máis aló do que se mostra en escena.

A montaxe de Redrum conta coa dirección de Álex Sampayo e un elenco composto por Machi Salgado, Guillermo Carbajo, Laura Míguez, César Goldi, Fran Lareu, Rubén Porto e Mónica García.

Entrada a prezo reducido

O espectáculo forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, polo que a entrada conta co habitual prezo reducido a 5 euros. Ademais, o Concello ofrece bonificacións especiais para xóvenes, persoas maiores e desempregados, que deberán acreditar a súa condición presentando o Carné Xove, a tarxeta de desempregado e DNI, segundo proceda, para poder optar á entrada a 3 euros.

Os billetes están á venta en Ataquilla (máis gastos de xestión) e o día da función, a partir das 18.00 horas, no Auditorio.

Sinopse
"Era unha vez unha bela cidade chamada Hamelín. A cidade encheuse de ratas. Ata que alguén fixo soar unha fermosa música". A versión áspera do conto é máis verosímil e paré cese máis ao mundo no que vivimos. No noso mundo, os nenos son os primeiros que pagan. Pagan os vicios dos maiores, as mentiras dos maiores. Neste sentido, o Hamelín que non sabe protexer aos seus nenos é como moitas cidades do noso mundo.