Guadi Galego ou Boyanka Kostova completan o cartel do Revenidas con concertos a bordo

Xabier Díaz, Antía Muíño, Cardalda e Dopico e Grande Amore son os nomes restantes que se unen aos concertos no mar ▶ Tamén haberá un roteiro musicado por Xurxo Souto
Boyanka Kostova. REVENIDAS
photo_camera Boyanka Kostova. REVENIDAS

O festival Revenidas, a última gran cita musical do verán, engade ao seu programa unha serie de actividades de promoción de turismo mariñeiro, da man de Turismo Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra. Este festival de Vilaxóan de Arousa realiza actividades que conectan coa esencia mesma do festival e que, máis alá dos concertos, supoñen a conexión coa súa orixe e a reafirmación da súa filosofía.

A sardiñada popular, que foi a que no seu momento deu orixe ao festival, é un dos eventos máis importantes e que non pode faltar cada ano. Dará comezo á unha do mediodía do domingo 11 de setembro. O recinto no que se celebrará, como de costume, será o parque de dona Concha, que ese día estará aberto ao público durante toda a xornada. Previo á sardiñada haberá animación a cargo da Louband e un espectáculo teatral. Pola tarde, no mesmo lugar, terá lugar a Gala de Circo e despois os concertos de Caamaño & Ameixeiras, Sés e Ortiga. Todas as actuacións serán de balde.

Unha das actividades máis distintivas e  máis queridas polo público son os concertos a bordo. Nesta edición serán seis, sempre a bordo do xeiteiro Chasula e cun aforo máximos de 12 persoas. Os concertos a bordo deste ano celebraranse o sábado 10 e o domingo 12, tres cada día. Os do sábado terán como protagonistas a Antía Muíño, con saída dende o peirao ás 13.00 horas, Xabier Díaz ás 15 horas e Grande Amore ás 17 horas. Os do domingo serán de Guadi Galego ás 13 horas, Boyanka Kostova ás 15.00 por último e Cardalda e Dopico ás 17.00. O prezo da entrada para cada un destes concertos a bordo é de 30 euros e inclúe unha degustación de produtos do mar e bebida. As entradas poderán obterse a través da web a partir do mércores 31 de setembro.

Concertos a bordo. FACEBOOK
Concertos a bordo. FACEBOOK

Outro dos eventos que forma parte das actuacións de promoción do turismo mariñeiro de Turismo Rías Baixas é Redescubre Vilaxoán. O cantante e escritor Xurxo Souto, apaixonado e defensor do festival Revenidas e de Vilaxoán, realizará un roteiro musicado polos lugares máis emblemáticos desta vila mariñeira. O roteiro partirá ás 10.30 horas do sábado 10 de setembro. A asistencia ao mesmo é de balde ata completar aforo, pero require unha inscrición previa que se pode realizar dende a web a partir do mércores 31 de setembro, como no caso dos concertos a bordo.