O Goberno local apoia as reivindicacións do persoal en folga do Consorcio de Igualdade e Benestar

O alcalde e a concelleira de Benestar Social recibiron aos representantes sindicais do colectivo de traballadores
Reunión do alcalde cos traballadores do Concorcio de Igualdade e Benestar. DS
photo_camera Reunión do alcalde cos traballadores do Concorcio de Igualdade e Benestar. DS

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a tenente de alcalde e concelleira da Área de Benestar, Tania García, recibiron esta mañá no Concello aos representantes do colectivo de traballadores do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que se atopan en folga. Tras escoitar as explicacións dos sindicalistas da CNT, os responsables municipais solidarizáronse co persoal do Consorcio e manifestaron o seu absoluto apoio ás súas reivindicacións, centradas principalmente nos criterios establecidos pola Xunta de Galicia para o proceso de estabilización de emprego que están a desenvolver as distintas administracións públicas co obxectivo de dar cumprimento ao establecido polo Goberno do Estado.

Como se sabe, partindo dunhas premisas e obxectivos comúns, a Administración Central conferiu liberdade ao resto de administracións en canto aos criterios a aplicar para cumprir co proceso excepcional de estabilización para poñer fin á situación xeneralizada de temporalidade prolongada na que se atopa moito persoal laboral das entidades públicas.

Neste marco, os socialistas de Vilagarcía comparten cos traballadores do Consorcio que o método elixido pola Xunta para este organismo demostra un "trato desigual e inxusto" con respecto ao que teñen aplicado a outros entres autonómicos "e non respecta o espírito do acordo do Estado e o pa ctado cos sindicatos a nivel nacional, para garantir procesos que faciliten a estabilización e consolidación de emprego de calidade".

A maiores deste obxectivo principal, os representantes sindicais tamén expuxeron ao goberno local a súa denuncia dos requisitos "abusivos" aprobados pola Xunta para os servizos mínimos durante a folga, explicando que mantiveron os criterios establecidos cos protocolos COVID, que xa non están operativos e que requirían de moito máis persoal para garantir as condicións de sanitarias de seguridade. O Consorcio de Igualdade e Benestar xestiona as escolas infantís da Galiña Azul e tamén de residencias e centros de día para persoas maiores.