O Goberno aposta polo desenvolvemento sostible do sector mexilloeiro

Larriba lembra que o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia ofrece axudas por valor de 11 millóns
(_LO_1763.JPG)  Salnes Maica Larriba participa en la clausura de la jornada Hacia una miticultura mas sostenible organizada por OPMEGA15016
photo_camera Maica Larriba co sector mexilloneiro galego no acto organizado en Vilagarcía. JOSË LUIZ OUBIÑA

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, participou na clausura da xornada 'Hacia una miticultura más sostenible', levada a cabo pola Organización de Produtores do Mexillón de Galicia (OPMEGA) e celebrada en Vilagarcía. Durante a súa intervención, a representante do Estado quixo recordar a aposta do Goberno pola sustentabilidade do sector, “porque o futuro deste debe estar ligado á innovación e investigación para así garantir a posibilidade de seguir producindo unha proteína con alto valor como o mexillón, pero con rendibilidade e adaptándonos aos efectos do cambio climático”. 

E para isto, lembrou Maica Larriba, o Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura ofrece diferentes posibilidades, así como o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, que ten abertas dúas liñas dotadas con once millóns de euros para proxectos que fomenten o crecemento azul, así como a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación na pesca e acuicultura. “Posibilidades que o sector debe aproveitar para valorizar o produto, mellorar as condicións das explotacións e asegurar a investigación e innovación”, incidiu Larriba, “para así seguir garantido a súa internacionalización e permitindo revalidar as cifras obtidas o ano pasado, un 24 % superiores ás de 2021, e que acadaron os 55,6 millóns de euros en exportacións fronte os 44,7 do ano anterior”.

Por último, a subdelegada participou no acto de recoñecemento á Organización de Produtores do Mexillón de Galicia (OPMEGA), promotores da xornada e de quen destacou o seu traballo a prol da rendibilidade, sustentabilidade e eficiencia dun “sector fundamental” para a provincia de Pontevedra.