'Gloria nacional' abre a tempada teatral en Vilagarcía este sábado

A comedia protagonizada por Miguel Pernas, Luma Gómez e Manuela Varela, convida a reflexionar sobre a cultura e a creación artística na sociedade actual
Luma Gómez, Miguel Pernas e Manuela Varela. DS
photo_camera Luma Gómez, Miguel Pernas e Manuela Varela. DS

 O Auditorio Municipal de Vilagarcía estrea este sábado, 1 de outubro, ás 20.00 horas a tempada teatral de outono coa obra de teatro Gloria Nacional, a última montaxe da compañía Teatro do Noroeste. En ton de comedia, a obra invita a reflexionar sobre o mundo da cultura e a creación artística e como funciona no marco da sociedade actual. A representación enmárcase no ciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorios conveniada entre o Concello de Vilagarcía e a Agadic, polo que a entrada xeral ten un prezo de reducido de 5 euros, habendo ademais bonificacións a 3 euros para posuidores do carné xove, parados e maiores de 65 anos.

Gloria Nacional é unha obra escrita e dirixida por Eduardo Alonso que protagonizan Miguel Pernas, Luma Gómez e Manuela Varela, na que Uxío Rodas, escultor e pintor, é considerado polos seus contemporáneos unha auténtica gloria nacional, e as súas esculturas están nos mellores museos internacionais. Segundo a trama, está no seu estudio, apartado da civilización, tentando concentrarse no seu traballo máis importante. Efectivamente, o Goberno do seu país, a través do seu presidente, antigo camarada de Uxío, acaba de encargarlle unha escultura monumental que se colocará na praza principal da capital, unha escultura que represente e simbolice á nación. A Uxío cústalle encarar o seu traballo, está en crise creativa, e estando nesas recibe a visita, primeiro da súa representante e marchante nos mercados internacionais e despois a da propia ministra de Cultura do seu país. O actual debate, arte, cultura, mercados e política está servido.

As entradas para asistir a este espectáculo poden adquirirse se forma anticipada a través de www.ataquilla.com (máis custes de xestión) ou o día da función, a partir das 18:00 horas, na propia sala. As persoas que accedan ás entradas bonificadas para desempregados, maiores e titulares do carné xove deben acreditar no control de acceso a súa condición cos respectivos carnés ou tarxetas.