VIDA SALNÉS

The Americans: “Galicia dá máis sentido ás nosas vidas”

Estas tres mulleres estadounidenses reúnense cada verán e parte do outono no Salnés enchendo de inglés á comarca
photo_camera Jacky, Zuni e Sherron. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A nosa historia
Jacky, Zuni e Sherron teñen a ría de Arousa e a Estados Unidos en común. Durante o verán e parte do outono reencóntranse no Salnés enchéndoo de inglés con acento estadounidense, de espanglish e de galenglish nunha enxurrada de afecto por unha terra que fixeron súa e á que chegaron por amor. Porque o Salnés é o seu punto de encontro e de vida, pero a causa deste efecto son os homes cos que casan e que experimentan hoxe unha nova emigración de dobre vía, que enriquece aos de aquí e aos de alá. Son vidas transatlánticas onde Galicia se convirte nunha fermosa embarcación con portos de ida e volta. E así o anglo e o galego coexisten con total normalidade e natural cosmopolitismo. 

Jacky traballou no sector inmobiliario, pero o que lembra con máis afecto, e do que se sinte máis orgullosa, é do tempo que pasou nos parques californianos, como guía educativa das misións onde explicaba a pegada hispana na historia de California. Jacky namorou de Antonio, un home de Vilaxoán que navegou o mundo na mariña mercante de Noruega e rematou a súa vida laboral traballando para o estado de California. Sherron foi profesora de lingua e literatura española e fixo unha extensa familia con Jorge, quen primeiro foi o seu alumno de inglés. Jorge é de Vilagarcía de Arousa e fixo carreira no mundo da economía e na universidade do estado de Georgia. E Zuni retirouse como profesora de español e francés no sistema de ensino público de Maryland, a carón de Washington, DC, onde criou un fillo e unha filla xunta a seu “esposo” (palabra que ela prefire a “home” ou “marido”). E resulta que o “esposo” é quen isto escribe, natural de Vigo. Pero é Zuni quen “descubre” Vilagarcía e quen decide que o porto de referencia para fillos e familia cubano-estadounidense estará en Arousa.

As palabras que máis repiten son “magic” e “love” e “enxebre” cando falan de Galicia. E logo resulta inevitable comparar afectos de aquí e de alá. Estados Unidos parece, ás veces, tan lonxe desa segunda patria das emocións e dos sabores que para elas é o Salnés, Arousa e os paseos a carón da ría. Eu fágolles o chiste de que ten sentido isto de que se sintan tan unidas a Arousa e repítolles a palabra: AroUSA. Rin. Din algo en inglés que non entendo e non me preocupa. Siguen falando entre elas. Véxoas polas rúas, por Carril, Vilagarcía e por Vilaxoán. Sentadas nunha terraza bebendo Mencía ou Albariño. Síntense cómodas saudando nos bares e restaurantes onde van con máis frecuencia, nas tendas ou nos comercios onde son “as americanas”. Aseguran que gozan do que queda da cultura dos furanchos, e mostran unha intensa curiosidade por todo o que é local. É a súa maneira de ser de aquí. Son vidas “partidas”; pero —din elas— vivir en Galicia dá máis sentido ás súas vidas.

Jacky: Eu son de California e cheguei a Arousa por primeira vez hai 40 anos. Coñecín a meu home, Antonio, cando el traballaba nun cruceiro, e quixen vir a coñecer a súa familia. Meu home é de Vilaxoán e cando cheguei, namorei desta terra.

Zuni: O meu primeiro contacto con Vilagarcía de Arousa foi hai máis de 30 anos a través da familia Senín, amigos do meu home, Alberto, que é de Vigo e nunca vivira en Vilagarcía. Pero cando tiven que decidir onde iamos vivir despois de tantos anos de traballo en Estados Unidos, pensei que volver a Galicia para Alberto era bo e para min tiña que ser aquí porque estou na beira do mar e comunicada con Pontevedra e Vigo polo sur e Santiago e A Coruña polo norte. Síntome acollida e feliz e agora só me falta aprender galego para poder ler o que escribe meu esposo e os seus amigos.

Sherron: A primeiros dos anos 70 cheguei a Galicia por primeira vez, “facendo dedo”. Eu xa coñecera a Jorge, un vilagarcián, que fora o meu alumno de inglés no Instituto de Estudios Norteamericanos en Barcelona. Eu sabía que él era de Galicia pero eu non sabía onde estaba Galicia asi que fixen a viaxe cunha amiga. Pero a primeira vez que pisei Vilagarcía foi cando xa estaba casada con Jorge. Os seus pais viñeron a recollernos a estación e leváronos a un restaurante en Pontevedra onde nos serviron todo tipo de marisco. Eu era “moi americana” e non sabía que facer con todo aquilo. Pero entendín que aqui en Galicia había unha filosofía que se resume nalgo asi como encontrar “a nécora perfecta”.

Jacky: Si, a variedade e a diferencia nas comidas tamén me chamou a atención ao principio.

Zuni: E o tempo arredor dunha mesa durante e despois dun xantar ou dunha cea.

Sherron: O tempo arredor da mesa é eterno e todo o mundo ten algo importante que dicir.

Jacky: Pero a min o que máis me chamou a atención é que había algo máxico nesta terra, nestas paisaxes e na maneira en que a miña familia de Vilaxoán me abrazou a pesar de que era difícil de comunicarnos. Eu con poucas palabras en español e moitos xestos. E miña sogra e meu sogro e as miñas cuñadas con moito amor.

Zuni: Pero eles entendían todo o que comunicaba o teu sorriso, Jacky. Eu falaba español, pero metía a pata moitas veces traducindo literalmente do inglés. E os amigos de Alberto, no canto de corrixirme deixaban que seguise “matando dous paxaros cunha pedra” (logo aprendín que aqui dous paxaros se matan “dun tiro”) ou que “pienso” non é que alguén esté pensando, senón que é co que un amigo alimentaba as súas galiñas.

Jacky: Eu creo que a maxia, o mundo das meigas e das tradicións dos galegos fai que sexan xente moi especial e conectada coa terra. Eu síntome moi de aquí aínda que temos que pasar longas tempadas en California porque é onde está o noso fillo e os nosos netos.

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Jacky: Magic
Zuni: Love
Sherron: Love

Un lugar?
Jacky: Forest.
Zuni: Vigo
Sherron: Paseo Marítimo

Unha persoa?
Jacky: A sogra, Lola
Zuni: Alberto
Sherron: Jorge

Unha personaxe?
Jacky: Toño, meu home
Zuni: Matthew Good, un vampiro.
Sherron: Otilia, mi suegra.

Alguén importante?
Jacky: O meu fillo e o neto e a neta
Zuni: Soraya Kuka’ ohi’a, a nosa neta
Sherron: os meus fillos e netos

Unha cousa?
Jacky: A witch doll (unha boneca-meiga)
Zuni: Mi Casa
Sherron: O meu símbolo-colgante de paz que teño desde 1969 e volvín a poñelo cando Trump chegou á presidencia.

Alguen imprescindible?
Jacky: Meu home, Toño
Zuni: Meu home, Alberto
Sherron: Meu home, Jorge

Que é a vida?
Jacky: A vida é vivir en Vilagarcía xunta o mar e onde a familia e os amigos e gozar do daquí; pero tamén teño unha vida en California, na miña cidade, Pateluma, e a miña familia dalí. 
Zuni: Para min a vida é a liberdade de facer o que quero e de dicir o que quero, a vida ten que ser a liberdade.
Sherron: para min a vida é a vida partida. Porque vivín con Jorge durante máis de 40 anos en Estados Unidos, pero sempre volvemos a Galicia e son dous mundos, e a vida é así un exercicio de equilibrios.

Entendedes galego?
Jacky: Un pouco.
Zuni: Bastante. Vexo o telexornal todos os días e matriculeime nun curso de galego para estranxeiros da Real Academia Galega este verán.
Sherron: Eu nun 50% tal vez.