A fotonatureza de Ramón Encisa poderá visitarse en Rivas Briones ata o 28 de febreiro

A Concellería de Cultura decidiu ampliar o prazo da exposición debido á gran acollida de público, con visitas case diarias de centros escolares
Unha fotografía de Ramón Encisa
photo_camera Unha fotografía de Ramón Encisa

As persoas que aínda non teñan visitado a exposición fotográfica ‘Fotonatureza’ que se exhibe na sala Rivas Briones de Vilagarcía terán unha segunda oportunidade para non perder as impresionantes imaxes de distintos elementos da natureza captadas ao longo de anos polo vilagarcián Ramón Encisa. En resposta á excelente acollida do público que a mostra está ter dende o mesmo día da súa inauguración, o pasado 16 de decembro, con visitas case a diario de grupos de centros escolares da comarca, a Concellería de Cultura decidiu ampliala ata o 28 de febreiro.

‘Fotonatureza’ é unha mostra composta por 250 imaxes tomadas por Encisa sobre flora e fauna, principalmente galegas. Paxaros, reptiles, insectos, flores (con especial atención ás orquídeas que existen en Galicia) e fungos, amósanse ao público con todo luxo de detalles, destacando o colorido, as formas e incluso o movemento dun xeito que, a maiores da calidade técnica do autor e do material utilizado, poñen de manifesto a enorme paciencia necesaria para captar a imaxe no momento xusto e efémero.

Ademais das fotografías expostas no baixo e no primeiro andar da Sala Rivas Briones, a mostra amosa o material fotográfico utilizado para obter as imaxes, así como aparellos e artiluxios cos que se tomaron  fotos aos paxaros, sistemas de camuflaxe, comedeiros e disparadores automáticos con detección de movemento, entre outros.