A Fonte de Castroagudín xa ten adxudicados os traballos de limpeza

Iria López será a encargada de rehabilitar o conxunto nun prazo de execución de 13 días 
Fonte de Castroagudín que vai ser restaurada. DS
photo_camera Fonte de Castroagudín que vai ser restaurada. DS

Os traballos de limpeza da Fonte Castroagudín foron encargados á restauradora Iria López. Esta actuación está promovida polo Concello de Vilagarcía e que a Xunta de Goberno Local vén de adxudicar por un importe de 8.362 euros. O proxecto, redactado tamén pola vilagarciá, conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e finánciase cunha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra ao abeiro das "Axudas para a supresión da simboloxía franquista nos espazos públicos e para a rehabilitación do patrimonio histórico-cultural dos municipios da provincia". Os traballos están previstos cun prazo de execución de 13 días. 

A actuación ten como obxectivo salvagardar un elemento etnográfico relevante como é o conxunto escultórico que conforma a Fonte de Castroagudín mediante procedementos conformes aos criterios de conservación internacionalmente aceptados. Preténdese garantir tanto a preservación do seu valor artístico e patrimonial como a capacidade para continuar abastecendo de auga á veciñanza. Foron os propios habitantes do lugar os que demandaron o acondicionamento da fonte, petición que o Goberno local atendeu no marco das medidas de conservación do patrimonio que se están a desenvolver dende hai anos.

A Fonte de Castroagudín é unha construción singular debido a que combina varias pezas (unha fonte –a máis antiga-, unha "hornacina" e un cruceiro), que se integran nun único conxunto no que están presentes estilos artísticos de distintas épocas: do barroco da segunda metade do século XVIII, elementos eclécticos correspondentes a finais do XIX e outros máis recentes do século XX. A fonte está incluída no Catálogo Municipal de Bens a Protexer.

O proxecto consiste na realización dunha primeira labor de mapeado das patoloxías que poidan detectarse no conxunto. Posteriormente procederase á limpeza de todas as superficies, previa aplicación puntual dun biocida. Tamén se retirará o morteiro que se atope en estado deficiente e selaranse as xuntas que estean descarnadas. A parte final da actuación inclúe a aplicación, mediante hidrofugado, dun tratamento puntual preventivo contra o crecemento de liques nas zonas que soportan maior incidencia das augas pluviais.