A Festa dos Maios encherá o Miguel Hernández con 57 composicións florais

Os 22 colectivos e persoas participantes serán premiados cunha rosca e unha cantidade económica
Un momento da Festa dos Maios
photo_camera Un momento da Festa dos Maios. DAVID FREIRE

A tradición popular dos maios segue collendo forza en Vilagarcía volvendo a adquirir a dimensión que tiña hai xa varias décadas. Así o demostra a elevada participación coa que contará a Festa dos Maios deste ano, na que participan un total de 22 colectivos e persoas a título individual que, en total, exporán no Parque Miguel Hernández 57 maios de diferentes tipoloxías. A celebración desenvolverase o luns, 1 de maio, a partir das 11.30 horas no citado recinto público, pola mañá con exposición das composicións florais e a interpretación de cantigas, e pola tarde coa exhibición dos maios.

Entre os participantes inscritos este ano hai 7 ANPAs, 4 agrupacións, un centro educativo, unha asociación cultural, a Residencia de Anciás Divina Pastora e 8 persoas a título individual. Tal e como sinalan as bases, cada participante pode presentar un maio por cada unha das cinco tipoloxías previstas. As máis numerosas son, como sempre, a dos maios artísticos (17 traballos) e cónicos (14), seguidos dos máis sinxelos das caixas (11 maios), cruces de maio (8) e barcos (7).

O certame non ten carácter competitivo, senón de exhibición, polo que todos os participantes recibirán un premio consistente nunha compensación económica e rosca. As contías oscilan entre os 150 e os 40 euros en función da categoría na que se participe, si o fan con copla ou sen ela e do número de participantes. En total, e coa inscrición xa pechada, a Concellería de Cultura destina 4.800 euros a financiar un evento que busca conservar e potenciar a tradición popular galega.

En caso de chuvia, os actos trasladaríanse á Praza da Peixería.