Faia Díaz clausura a Semana da Muller e a Cultura cun recital poético

A cantante do grupo De Vacas pon voz e música a unha recompilación de versos escritos por mulleres e extraídos dos fondos do Museo do Pobo Galego
Concerto do grupo De Vacas. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Concerto do grupo De Vacas. BEATRIZ CÍSCAR

 A programación da Semana de Muller e Cultura remata este venres co espectáculo poético musical "Faia&Benxamín Otero", protagonizado por Faia Díaz, integrante do grupo De Vacas, do Coro Encaixe e da Compañía Patacón. Este traballo recolle varios textos escritos por mulleres, recompilados por Faia dos fondos do Museo do Pobo Galego e que ela mesma se encarga de mu sicar para sacar do esquecemento aos versos e ás súas autoras.

O espectáculo desenvolverase a partir das 21 horas no Salón García. A entrada é de balde pero é preciso reservar praza a través de http://www.ataquilla.com


A Semana de Muller e Cultura é un programa de actividades organizadas pola Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía coa finalidade de poñer en relevo e facer visible o papel das mulleres nos distintos ámbitos da cultura. Este ano o xénero elixido foi a poesía e, para poñer en valor ás autoras actuais e tamén ás poetisas do pasado que foron silenciadas pola historia, o departamento que dirixe Tania García desenvolveu faladoiros, espectáculos e obradoiros protagonizados por mulleres do sector que deron a coñecer o seu traballo e deixaron patentes as diferentes formas que existen para facer poesía a través do verso escrito, cantado e mesmo contado. Facer visible a desigualdade de xénero que tamén existe tamén no mundo da poesía foi outro dos obxectivos destas actividades.