Inaugurada en Vilagarcía a exposición que reivindica o deporte galego

A plataforma Vía Galega presentou este martes o acto de inauguración da exposición 'Galiza, un pobo, unha selección'. Pretenden reivindicar o dereito á existencia dunha selección galega
photo_camera Inauguración da exposición no Audiorio de Galicia [VÍDEO: IRIA CURROS]

O Auditorio de Vilagarcía de Arousa é ata o de agora a última parada da exposición 'Galiza, un pobo, unha selección'. A plataforma Via Galega, que leva 8 meeses  facendo campaña por toda Galicia a prol da creación dunha selección galega propia, fixou o martes 12 ás 20.00 o acto de inauguración. Contou coa presenza dos integrantes da organización, deportistas de distintas disciplinas como o triatlón.

A exposición consta de 20 paneis. Esta se fundamenta nunha revista na que participan distintos deportistas, como o ciclista Ezequiel Mosquera, a presidenta da Federación Galega de Taekwondo, Mercé Barrientes, o nadador Chano Rodríguez ou a atleta Belén Toimil. Xunto coa revista, tamén existe un xornal e un documental no que 13 deportistas dan a súa opinión sobre a importancia e a necesidade de Galicia conte coa súa selección.

Anxo Louzao, o coordinador de Via Galega. comenta que a campaña é " un percorrido histórico polo  deporte galego. Reivindicamos o dereito a competir internacionalmente e oficialmente  en todas as disciplinas como selección galega". Ademais, a campaña tamén pretende "loitar pola igualdade de xénero no ámbito deportivo".

"Promovemos un manifesto que asinaron 5.000 persoas, entre eles deportistas relevantes. Agora andamos cunha iniciativa nova relacionada coa campaña con 5.000 sinaturas tamén, na que agardamos chegar a 15.000". Louzao explica que a aspiración galega é realista porque xa existen casos parecidos. "Existen en Europa nacións sen estado, como Escocia ou Gales, que xogan sen ningún problema. Tamén no fútbol gaélico existe xa unha selección galega, queremos que se traslade esa situación a todas as disciplinas. "Somos un pobo, unha nación, temos unha identidade propia e queremos estar representados. O deporte é un elemento fundamental de identidade colectiva no que acougan o nosos sentimentos como o de pertenza a unha comunidade. Queremos entoar o noso himno, cantar os noso cánticos e animar aos nosos deportistas".